Concello de Sanxenxo - O GOBERNO LEVARÁ A PLENO EXTRAORDINARIO A ADXUDICACIÓN DEFINITIVA DO SERVIZO DE AUGA A ESPIÑA E DELFÍN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A sesión terá lugar o martes ás 10:30 horas no salón de plenos do Concello de Sanxenxo

O goberno levará a Pleno extraordinario a adxudicación definitiva do servizo de auga á actual concesionaria Espiña e Delfín. O asunto abordouse onte nunha Comisión de Asuntos Xerais e tratarase en sesión plenaria o vindeiro martes, 24 de xaneiro, ás 10:30 horas. É un paso máis nunha longa tramitación dun contrato valorado en máis de 99 millóns de euros (IVE incluído). Tras a aprobación en Pleno, ábrese un prazo legal de 15 días para interposición de recurso. Unha vez concluído este prazo, requiriráselle á empresa adxudicataria a documentación para proceder á contratación.

A actual concesionaria logrou a maior puntuación ao asumir todos os investimentos optativos referentes á ampliación de rede, por valor de 3.820.000 euros e ofrecer un canon anual do 28% do importe facturado durante o exercicio.
Unha porcentaxe que case triplica o recolleito nos pregos e que suporía un ingreso inicial para as arcas municipais de case 800.000 euros ao ano, cantidade que se irá incrementando en función do número de usuarios.

O municipio ten un total de 16.900 vivendas das que 726 (4,3%) carecen de saneamento ou auga. A empresa concesionaria terá que asumir a realización de 80 actuacións valoradas en 11.963.798 euros. O contrato contempla a ampliación da rede de saneamento e auga, con 59 actuacións para dotar destes servizos ás 726 vivendas do rural que carecen de saneamento ou auga; unha segunda que contempla a renovación da rede principal existente con 14 actuacións para substituír tramos vellos e ampliar a capacidade das tubaxes; e unha terceira, con novas infraestruturas de abastecemento de auga con sete actuacións entre as que destaca a construción dun novo depósito de auga.

A empresa concesionaria terá que completar as tres fases nos 36 primeiros meses desde o inicio da concesión. A prioritaria é a fase de ampliación da rede de saneamento e auga do rural, por iso o calendario contempla 29 actuacións nos seis primeiros meses de 2023 e os 30 tramos restantes da primeira fase no segundo semestre do ano.

Nos primeiros seis meses actuarase en Noalla (Tombelo, Pontes, Quintáns, Aios costeira), Vilalonga (Iglesario, Altamira e Iglesario Lomba), Adina (Poleiros, Rial e Punta Montalvo), Dorrón (Barreiro, Rexenxo e praia de Agra), Nantes (Cancela Pedroño, Pazos e Casal), Bordóns (Chandevila e Sear) e Padriñán (Palacios e Laxe).

Estas actuacións xunto ás previstas no convenio con Acuaes, mellorarán a depuradora e os bombeos de augas residuais, e converterán a Sanxenxo nun referente no tratamento e depuración das súas augas.

0
0
0
s2sdefault