Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO RECIBE O PREMIO Q QUE CERTIFICA O SEU LIDERADO DE CALIDADE TURÍSTICA EN ESPAÑA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde, Telmo Martín, agradeceu durante a recollida do galardón a implicación do sector privado e o labor dos traballadores municipais

O Concello de Sanxenxo recibiu na noite de onte o Premio Q que certifica o seu liderado de calidade turística en España con 19 insignias en praias e portos que se elevan a 59 se se suman as do sector turístico privado. O alcalde e responsable de Turismo, Telmo Martín, recibiu o galardón de mans da ministra de Industria, Turismo e Comercio, Reyes Maroto, e do presidente do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), Miguel Mirones, durante unha gala á que asistiron máis de 1.000 persoas. Mirones destacou  "a colaboración permanente e constante" do Concello co instituto. "En Sanxenxo, un lugar marabilloso, queremos exemplificar a aposta pola calidade dun destino", asegurou.

Pola súa banda, Telmo Martín, agradeceu ao ICTE o recoñecemento, pero tamén tivo palabras de gratitude para "os centos de traballadores municipais" que se encargan da posta a punto das praias e o porto, por suposto, para "o sector turístico privado a súa aposta pola calidade e o agarimo que mostran aos seus clientes. Sen eles isto non sería posible".

Durante esta mañá pasáronse polo stand de Sanxenxo, coincidindo co Día de Galicia, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, así como as conselleiras de Mar, Rosa Quintana, e de Medio Ambiente, Angeles Vázquez; a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén Docampo. Tamén acudiu o presidente nacional do PP e senador, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde de Madrid, Jose Luís Martínez Almeida.

Durante o fin de semana, continuará a promoción e aberto o prazo do sorteo dun total de doce estancias de dúas noites para dúas persoas en Sanxenxo. Para participar nesta promoción, na que colabora o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, haberá que facerse unha foto nos tótems promocionais do municipio, no stand ou con algún dos dous informadores da nova liña de roupa de Sanxenxo en Fitur. Esta fotografía terá que ser compartida publicamente en Facebook, Twitter ou Instagram co hashtag #SanxenxoEnFitur2023 e etiquetando a Turismo de Sanxenxo.

0
0
0
s2sdefault