Concello de Sanxenxo - O PLENO DÁ LUZ VERDE Á ADXUDICACIÓN DO SERVIZO DA AUGA Á EMPRESA ESPINA & DELFÍN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A proposta saíu adiante cos votos a favor do PP, PSOE e SAL, mentres que o BNG e Cidadáns abstivéronse

O Pleno extraordinario deu luz verde esta mañá á adxudicación do servizo de subministración e abastecemento de auga á actual concesionaria Espina & Delfín. A proposta saíu adiante cos votos a favor do PP, PSOE e SAL, mentres que o BNG e Cidadáns abstivéronse. A portavoz do goberno, María Deza, sinalou que este é o último paso no proceso de contratación do servizo que terá unha duración de 25 anos. Agora ábrese un prazo de 15 días no que se poderá recorrer a adxudicación. Unha vez concluído este prazo, requiriráselle á empresa adxudicataria a documentación para proceder á contratación. O obxectivo do goberno é que a nova concesión comece no mes de febreiro.

A empresa Espina & Delfín logrou a maior puntuación ao asumir todos os investimentos optativos referentes á ampliación de rede, por valor de 3.820.000 euros e ofrecer un canon anual do 28% do importe facturado durante o exercicio.
Unha porcentaxe que case triplica o recolleito nos pregos e que suporía un ingreso inicial para as arcas municipais de case 800.000 euros ao ano, cantidade que se irá incrementando en función do número de usuarios.

O municipio ten un total de 16.900 vivendas das que 726 (4,3%) carecen de saneamento ou auga. A empresa concesionaria terá que asumir a realización de 80 actuacións valoradas en 11.963.798 euros. O contrato contempla a ampliación da rede de saneamento e auga, con 59 actuacións para dotar destes servizos ás 726 vivendas do rural que carecen de saneamento ou auga; unha segunda que contempla a renovación da rede principal existente con 14 actuacións para substituír tramos vellos e ampliar a capacidade das tubaxes; e unha terceira, con novas infraestruturas de abastecemento de auga con sete actuacións entre as que destaca a construción dun novo depósito de auga.

A empresa concesionaria terá que completar as tres fases nos 36 primeiros meses desde o inicio da concesión. A prioritaria é a fase de ampliación da rede de saneamento e auga do rural, por iso o calendario contempla 29 actuacións nos seis primeiros meses de 2023 e os 30 tramos restantes da primeira fase no segundo semestre do ano.

0
0
0
s2sdefault