Concello de Sanxenxo - O CONCELLO PROPÓN A PRACE, SERVIZOS E OBRAS COMO ADXUDICATARIA DA REFORMA DA PRAZA DO PAZO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A empresa presentou unha oferta de 672.873,44 euros e un prazo de garantía das obras executadas de 4 anos

A empresa Prace, Servizos e Obras resultou ser onte a proposta de adxudicación da Mesa de Contratación de Concello de Sanxenxo para a reforma da Praza do Pazo. A firma presentou unha oferta de 672.873 euros (IVE incluído), o que supón unha rebaixa do prezo de licitación de 19.810 euros e un prazo de garantía de 4 anos. A empresa dispón agora de 10 días hábiles para presentar a documentación requirida e a garantía da oferta económica.


A reforma saíu a licitación por 692.684 euros e un período de execución de cinco meses. A actuación coa que se busca humanizar e dar un maior dinamismo ao espazo acometerase con fondos municipais. O proxecto expón a creación de dúas plataformas horizontais de zonas verdes e outras dúas, en pavimento de pedra que se unirán con percorridos accesibles para potenciar a interacción social e a actividade comercial da praza.
A actuación centrarase nos 2.371 metros cadrados da praza, mellorando tamén a conexión entre a Rúa dos Mariñeiros e Rúa dos Cesteiros, convertendo o espazo nunha zona polivalente con capacidade para 1.350 persoas. A vexetación cobra no proxecto especial relevancia como control solar e térmico polo que está prevista a plantación de árbores de folla caduca e a colocación de 10 chorros de auga a modo de fonte.


A plataforma horizontal maior destinarase principalmente a actividades e espectáculos ao aire libre. A escaleira de acceso principal desde a Rúa Madrid incluirá tres zonas máis elevadas, a modo de bancadas, que xerarán bancos corridos con acabado en madeira. En canto ao mobiliario da praza, contémplase a instalación de 15 luminarias de modelos diferentes que mellorará unha importante deficiencia actual do espazo e seis bancos.

0
0
0
s2sdefault