Concello de Sanxenxo - A EMPRESA MUNICIPAL NAUTA SANXENXO LOGRA UNHA AMPLIACIÓN DA CONCESIÓN PORTUARIA ATA 2047
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O consello de administración da firma municipal abordará o asunto este luns en sesión extraordinaria

A empresa municipal Nauta Sanxenxo continuará coa xestión dos 119.757 metros cadrados de superficie portuaria ata 2047 tras lograr unha ampliación na concesión de Portos de Galicia por 20 anos, prazo máximo estipulado pola lei estatal. Os termos da nova concesión, que permitirá seguir apostando por un dos motores económicos do municipio, aprobaranse o vindeiro luns en sesión extraordinaria do consello de administración.

A ampliación da actual concesión que vence en 2027 permitirá converter o porto de Sanxenxo nun referente na entrada da Ría de Pontevedra. Unha petición que o goberno vincula a unha serie de proxectos que redundarán na mellora da fachada marítima e que, en ningún caso, suporá custo algún para as arcas municipais e, por tanto, para os veciños de Sanxenxo. O goberno repetirá a través de Nauta Sanxenxo a fórmula de cando comprou e realizou as obras do porto deportivo que se financiaron coa venda das prazas de aparcadoiro, locais comerciais e a explotación das instalacións náuticas e o parking. Unha actividade que permitirá recadar preto de 30 millóns de euros.

O investimento previsto neste espazo supera os 13 millóns de euros con tres actuacións de distinto custo económico, pero que redundarán na dinamización da zona. Unha delas é o xa coñecido proxecto de "Batea en Terra", asinado por Paredes Pedrosa Arquitectos e cuxa calidade arquitectónica será un reclamo máis para Sanxenxo. A proposta divídese en tres fases. A primeira está previsto que se licite proximamente, unha vez se formalice a ampliación da concesión, inclúe o axardinamento e a mellora de acceso á Praza dos Barcos. A segunda inclúe a remodelación do edificio de Capitanía e a terceira, o umbráculo coñecido como "batea en terra" pola forma á que evoca.

As instalacións de atracada é outra das melloras contempladas polo goberno local no horizonte temporal da concesión. Así se prevé a reordenación da lámina de auga, a substitución das torretas de subministración, a reparación das flotacións dos pantaláns ou a adaptación da instalación da subministración de combustible, entre outras actuacións.

0
0
0
s2sdefault