Concello de Sanxenxo - NAUTA SANXENXO LICITA A PRIMEIRA FASE DE BATEA EN TERRA POR CASE 1,5 MILLÓNS E UN PRAZO DE EXECUCIÓN DE 9 MESES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A obra sae a concurso tras lograr a ampliación de concesión dos terreos portuarios ata 2047

Nauta Sanxenxo acaba de licitar a primeira fase do proxecto Batea en Terra seleccionado en 2019 para remodelar a contorna portuaria. A obra sae a licitación por 1.498.938 euros e un prazo de execución de nove meses tras lograr a ampliación da concesión da contorna do porto ata 2047. A superficie da zona na que está prevista a primeira fase de actuación ascende a 5.259 metros cadrados na que se proxecta un noiro axardinado que comunica a Praza dos Barcos e a Praza do Mar.

O proxecto contempla a creación dun parque xardín que xere unha continuidade topográfica como un elemento de unión entre a Praza dos Barcos, o Paseo de Silgar, o Paseo dos barcos, o dique e os portos pesqueiro e deportivo. Mantense un acceso rodado ao porto pesqueiro polo exterior da praza, con carácter restrinxido. O aparcadoiro mantén as prazas actuais. Mantéñense todos os locais comerciais en concesión, sen intervención ningunha, axustando para iso a pendente do xardín.

A intervención desta fase contempla tamén a rehabilitación e mellora do pavimento na Praza dos Barcos e a súa integración dentro do proxecto, a redistribución do mobiliario urbano existente e a simplificación e unificación de todos os elementos de señalética.

Unha das constantes na paisaxe litoral galego son os cantís vexetais, xeralmente sobre leitos rochosos cubertos por bandas de vexetación e cuxa formación, segundo se adentra na costa, vaise facendo máis densa, desde pequenas plantas crasas que van deixando paso a formacións herbáceas ata formacións arbustivas entre as que poden atoparse algúns exemplares arbóreos.

O deseño de plantación inspírase nestas paisaxes de costa que salpican o litoral e se intercalan entre as zonas urbanas e os areais das Rías Baixas. A pesar de que o espazo natural costeiro nesta zona atópase moi alterado e construído, poden atoparse lugares (puntas, cabos, cantís, praias, carreiros) nos que a vexetación aínda presenta flora propia de hábitats costeiros e dunares atlánticos formando mosaicos de riqueza florística.

Optouse por introducir especies autóctonas propias da comunidade pola súa resistencia aos ventos, a salinidade e o seu baixo consumo de auga. Co deseño preténdese recrear unha paisaxe natural no espazo urbano que conecte aos usuarios e visitantes coa contorna, creando un espazo conector de biodiversidade e de valor ornamental, con masas arbustivas de floración graduada e abundante.

Un dos piares base no desenvolvemento da infraestrutura verde é o uso, a selección e a xestión sustentable da vexetación na planificación urbana. Neste caso seleccionáronse plantas autóctonas ou adaptadas a condicións adversas (baixas necesidades hídricas, resistencia á salinidade) o que leva unha diminución nos custos de mantemento do espazo en base á redución de achegas hídricas, podas e os tratamentos fitosanitarios.

O obxectivo é a creación dun auténtico pulmón verde en pleno centro urbano de Sanxenxo, no que se plantarán 33 árbores (piñeiros e tamarices), 4.369 arbustos de oito variedades diferentes e un total de 10.289 plantas. As especies serán autóctonas, de diferente porte e con distintos estados de floración que permitan ter unha variación cromática ao longo do ano.

0
0
0
s2sdefault