Concello de Sanxenxo - SANXENXO RECUPERA O SEU ENTROIDO CON OITO DÍAS DE DIVERSIÓN E MÁIS DE 12.000 EUROS EN PREMIOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Desfile Infantil, o Desfile de Adultos e o Espectáculo de Parodias volven á programación cunha Festa do Jato

A Praza de Méndez Núñez en Portonovo serviu esta mañá de escenario para a presentación da programación do Entroido que durante oito días encherá o municipio de festa e diversión. A concelleira de Cultura, Paz Lago, presentou as actividades xunto á secretaria da Asociación Rúa dos Viños de Portonovo, Noemí Pensado. "Que nos atopemos en Portonovo, e neste lugar tan emblemático, responde a que foi nesta vila, na que hai uns anos, rexurdiu o Entroido grazas a aposta firme polo desfile de Disfraces de Adultos e tamén porque aquí nace a Festa do Jato", explicou Lago.

A programación dará comezo o 19 co Desfile Infantil de Disfraces a partir das 12 horas. En total repartiranse 16 premios e 2.060 euros en categorías: Individual, parella, grupos de ata dez compoñentes e grupos de máis de 10 membros. As inscricións poderán realizarse no Pazo de Emilia Pardo Bazán ou o mesmo día no Club de Xubilados de Sanxenxo, entre as 10:30 e as 11:30 horas. Os Entroidiños regresan á programación o 20, 21 e 22 no edificio de Usos Múltiples de Portonovo, o Pazo de Emilia Pardo Bazán e o pavillón de Vilalonga.

"Tódalas actividades do programa foron reforzadas polas distintas organizacións para que non haxa ninguén que non desfrute do Entroido", dixo Paz Lago. Mostra diso é o Luns Choqueiro que virá da man da Asociación Abiñadoira, a partir das 17:30 horas, na Praza Pascual Veiga, ou o Entroido de Arra con xogos, inchables, concurso, sorteos e música en directo no campo das festas o martes, 21.

O mércores, 22, celebrarase o Enterro da Sardiña, ás 20 horas. O velorio percorrerá as principais rúas de Portonovo ata culminar no recinto portuario. O venres, 24, Vilalonga, celebrará o Enterro da Cabra, a partir das 20:30 horas, e Portonovo o tradicional Espectáculo de Parodias onde os veciños e veciñas convértense "en artistas de categoría máxima". O espectáculo estará dirixido pola monologuista Cristina Maró e repartiranse tres premios de 200, 100 e 50 euros. Os participantes deben anotarse chamando ao 986 727 936. O prazo remata o 22 de febreiro.

O sábado 25 celébrase a Festa do Jato organizada pola Asociación Rúa dos Viños de Portonovo e coa colaboración do Concello. "Estamos encantados de colaborar e ver que esta iniciativa é maior cada edición grazas a labor da Asociación Rúa dos Viños de Portonovo. Unha boa mostra témola na recuperación do ambiente de tapeo e na animación na rúa", asegurou a concelleira de Cultura.

Pensado revelou que será o humorista Isi, o invitado especial da celebración. "Ten moitas ganas de volver", asegurou. A cita arrincará coa carreira, ás 12:30 horas, de "Os jatos atrás do rato" na rotonda da lonxa e concluirá no campo de San Roque con medallas para todos os participantes e con avituallamiento. Haberá alborada e música durante toda a xornada, así como talleres infantís no campo de San Roque. Non faltará o asado en toda a rúa. "Queremos que a xente se anime a vir e desfrutar dunha festa pensada para toda a familia", sinalou a secretaria da Asociación Rúa dos Viños de Portonovo.

O domingo 26 porase o broche de ouro ao Entroido co Desfile de Adultos a partir das 16:30 horas no que se repartirán 10.250 euros en 18 premios en seis categorías. Os interesados poderán inscribirse no 986 727 936 ou o mesmo día no Club de Xubilados de Sanxenxo.

A concelleira de Cultura deu a coñecer o cartel do Entroido de Sanxenxo elaborado polo Centro de Arte municipal. "Unha interpretación da obra "A Danza" de Matisse e que destaca polo seu colorido", sinalou. Tamén se presentou o cartel da Festa do Jato.

0
0
0
s2sdefault