Concello de Sanxenxo - O INE DETECTA 10.904 VISITANTES EN SANXENXO EN DECEMBRO POLO SINAL DE TELÉFONOS MÓBILES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Portugal foi o principal emisor de turistas do ámbito internacional e Galicia, do territorio nacional

A estatística experimental do Instituto Nacional de Estatística (INE) para contar turistas a través da localización de teléfonos móbiles revela a presenza de 10.904 visitantes en Sanxenxo durante o pasado mes de decembro. A cifra supón o mellor mes de decembro desde que se realiza este estudo e corrobora o crecemento turístico do municipio durante a época do Nadal. En 2019 foron contabilizados 8.995; en 2020, 1.903 e en 2021, 10.105 turistas. A fonte de información son os datos agregados proporcionados polos tres grandes operadores de telefonía móbil en España.

No total de visitantes a Sanxenxo detectados pola posición do móbil teñen especial relevancia os de procedencia do territorio nacional, o 89%, mentres que o 11% son de ámbito internacional. Por comunidades autónomas españolas destacan no estudo os turistas de Galicia (4.830), Madrid (1.533), Castela e León (923), Principado de Asturias (688), Andalucía (270) ou País Vasco (245). Tamén se contabilizaron visitantes de Cantabria (194), Comunidade Valenciana (183), Cataluña (172), Canarias (116), Illas Baleares (98), Murcia (74), Estremadura (61), A Rioxa (53) e Navarra (49). En canto á procedencia estranxeira destaca Portugal con 655 visitantes seguido de Países Baixos (105), Bélxica (97) ou Francia (94). Tamén se detectaron no estudo turistas de Alemaña, Suíza, Reino Unido, Austria e América.

A medición de turistas nesta estatística está suxeita a limitacións xa que esta identifica un viaxeiro non residente a través da posición dun dispositivo móbil contratado cun operador estranxeiro que se conecta a unha rede dun operador español. Puidese darse o caso de que unha mesma persoa que viaxe con dúas ou máis terminais fose contabilizado máis dunha vez, ou que unha persoa o manteña desconectado en toda a viaxe e por tanto non fose detectado pola operadora.

0
0
0
s2sdefault