Concello de Sanxenxo - TÉCNICOS DE COMPOSTAXE REALIZARÁN 262 SUPERVISIÓNS DOS COMPOSTEIROS INDIVIDUAIS POR DOMICILIO EN SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A Concellería de Medio Ambiente aínda ten dispoñibles composteros gratuítos para veciños e veciñas do municipio

Técnicos de compostaxe realizarán a partir da próxima semana un total de 262 supervisións dos composteiros individuais por domicilio en Sanxenxo. O obxectivo é realizar unha primeira visita, previo contacto telefónico, para corrixir posibles erros no uso e unha segunda, para verificar que se está realizando o tratamento dos residuos orgánicos de forma correcta. Nestas visitas realizarase unha toma de datos sobre os composteiros, analizarase o seu funcionamento e resolveranse todas as dúbidas ou dificultades que os veciños poidan ter coa finalidade de optimizar ao máximo a utilización dos composteiros. Estas visitas realízanse grazas á colaboración do Plan Revitaliza da Deputación Provincial.

O Concello de Sanxenxo leva anos apostando pola reciclaxe e pola redución de residuos orgánicos. Desde o departamento de Medio Ambiente colocáronse este mesmo ano tres novos centros de compostaxe comunitaria en Nantes, Baltar e Sanxenxo. Este tres novos espazos súmanse ao que xa está en marcha no parque do Espiñeiro de Portonovo. Con esta rede de composteiros quérese xestionar a fracción orgánica dos residuos municipais de maneira sustentable reducindo a cantidade de residuos orgánicos que se depositan na bolsa de lixo. Ademais, aínda están a disposición composteiros individuais gratuítos que se repartirán entre residentes do municipio que o soliciten na oficina de Medio Ambiente. Xa se repartiron un total de 400.

Nas próximas semanas incorporaranse ao departamento de Parques e Xardíns dúas biotrituradoras para tratamento de restos de poda. A idea é que se utilicen como material estructurante dos biorresiduos nos composteiros comunitarios. A intención do Concello é rebaixar nun 40% as emisións de gases efecto invernadoiro en Sanxenxo. Estas intervencións contan coa cofinanciación nun 90% do Plan de Recuperación, transformación e resiliencia, que financia a Unión Europea a través do programa Next Generation. Para a xestión doutros residuos especiais, Sanxenxo dispón dun punto limpo na parroquia de Padriñán e dun sistema de recollida de voluminosos a través do teléfono 638 240 885 (de 9 a 14 horas de luns a venres).

0
0
0
s2sdefault