Concello de Sanxenxo - O CONCELLO HUMANIZARÁ UN TRAMO DA AVENIDA VILAR PARA DAR CONTINUIDADE Á REFORMA DA PRAZA DE VILALONGA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A adxudicataria das obras ten previsto iniciar a próxima semana o levantamento das actuais beirarrúas da marxe dereita

O alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Planificación Territorial, María Deza visitaron esta semana con responsables da empresa EC Casas, adxudicataria da reforma integral que se está acometendo na Praza de Vilalonga, o director de obra e a redactora do proxecto, Irene Campo, antes de iniciar a humanización do tramo da Avenida de Vilar que coincide co tramo frontal da praza. O obxectivo da actuación é conseguir un espazo humanizado e de convivencia, dando continuidade á praza cunha plataforma única e ensanchando ambos os lados da beirarrúa, tendo sempre presente que se trata da arteria viaria de entrada á parroquia. A velocidade quedará limitada a 20 quilómetros por hora.

Para dar prioridade ao peón, a plataforma elevarase ao nivel das beirarrúas, que alcanzarán os tres metros de ancho, e ampliaranse a tres os pasos de peóns para facilitar a comunicación entre a praza e o centro urbano. A empresa prevé iniciar a próxima semana o levantamento das beirarrúas. Os traballos  simultanearanse coa reforma do interior da praza que avanza coa construción da bancada de pedra e nos próximos días dará comezo a pavimentación.

A praza incrementará o seu espazo útil, que pasará dos 4.011 metros cadrados actuais aos 5.280 metros cadros, que se gañarán nas inmediacións da PO-550 e do campo de fútbol. Ademais, para potenciar a zona infantil, eliminaranse as barreiras físicas existentes, así como a bancada perimetral que prexudican o acceso á praza.

Na zona central da bancada construirase unha pérgola de estrutura de aceiro galvanizado, con piares que seguirán a liña dos troncos de bidueiro. O obxectivo é posibilitar a realización de eventos culturais e deportivos con sombra durante a tempada estival.

0
0
0
s2sdefault