Concello de Sanxenxo - O CONCELLO ADXUDICA A PRACE, SERVIZOS E OBRAS A REFORMA DA PRAZA DO PAZO DE SANXENXO POR 672.873 EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O prazo de execución da actuación é de 5 meses e o de garantías amplíase a 4 anos

O Concello acaba de adxudicar esta semana a reforma da Praza do Pazo de Sanxenxo a Prace, Servizos e Obras por 672.873 euros que supón unha rebaixa de 19.810 euros respecto ao orzamento base de licitación. Unha vez analizada a documentación requirida, a mesa de contratación deu luz verde á proposta.
A actuación coa que se busca humanizar e dar un maior dinamismo ao espazo acometerase con fondos municipais. O proxecto expón a creación de dúas plataformas horizontais de zonas verdes e outras dúas, en pavimento de pedra que se unirán con percorridos accesibles para potenciar a interacción social e a actividade comercial da praza.
A actuación centrarase nos 2.371 metros cadrados da praza, mellorando tamén a conexión entre a Rúa dos Mariñeiros e Rúa dos Cesteiros, convertendo o espazo nunha zona polivalente con capacidade para 1.350 persoas. A vexetación cobra no proxecto especial relevancia como control solar e térmico polo que está prevista a plantación de árbores de folla caduca e a colocación de 10 chorros de auga a modo de fonte.
A plataforma horizontal maior destinarase principalmente a actividades e espectáculos ao aire libre. A escaleira de acceso principal desde a Rúa Madrid incluirá tres zonas máis elevadas, a modo de bancadas, que xerarán bancos corridos con acabado en madeira. En canto ao mobiliario da praza, contémplase a instalación de 15 luminarias de modelos diferentes que mellorará unha importante deficiencia actual do espazo e seis bancos.
O proxecto acometerase tras a realización dun estudo de viabilidade co que se revisaron 113 vivendas e locais, ademais de fachadas e zonas comúns que rodean este espazo.

Ademais, como a praza atópase nas inmediacións do Pazo dos Duques de Patiño esta actuación conta tamén co visto e prace de Patrimonio.

0
0
0
s2sdefault