Concello de Sanxenxo - O CONCELLO INICIA A CONSTRUCIÓN DUNHA PISTA DE PETANCA E CHAVE NO PARQUE DO ESPIÑEIRO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os novos espazos de xogo inclúense no contrato de mantemento dos parques infantís do municipio

A empresa Madeiras Doval iniciou esta semana a construción de dúas pistas para o xogo de petanca e de chave no parque do Espiñeiro. A dotación destas dúas novas áreas lúdicas inclúese dentro do contrato de mantemento dos parques infantís do municipio e a previsión é que estean listas para a súa utilización nos próximos días.

O Concello de Sanxenxo iniciou en Bordóns a posta a punto dos 25 parques infantís e biosaudables municipais por un custo de 119.000 euros. O desgaste provocado polo paso do tempo e, nalgúns casos, o uso inapropiado das instalacións provocou que non se atopen nun estado óptimo para o seu desfrute.

Polo momento concluíronse os traballos no parque de Outeiro e retiráronse as pezas dos biosaudables de Areas e O Sear. Tamén se actuou no parque de Panadeira e iniciáronse os traballos na Salgueira e O Espiñeiro onde tamén está previsto substituír a pérgola nos próximos días. En Dorrón actuarase no parque infantil; en Padriñán melloraranse os parques de Miraflores e Punta Vicaño; en Adina actuarase nos parques de Baltar, Praza Pública, Espiñeiro, San Roque, Seame I, Seame II e o do campo de festas de Arra; en Noalla, os parques da igrexa de Aios, Soutullo, igrexa de Noalla e A Revolta; en Vilalonga, os parques da praza de abastos, Arnosa, Salgueira e capela de Gondar; en Nantes mellorarase o parque de Contumil e o da igrexa.

Substitución de pezas de xogos, reparacións de elementos, eliminación de óxido ou renovación de valados e superficies son as necesidades máis recorrentes que presentan os parques do municipio. Unha posta a punto que inclúe tamén tarefas de mantemento durante un ano.

O Concello de Sanxenxo leva apostando nos últimos anos polos xogos e deportes tradicionais. En 2020 habilitouse un campo de billarda en Nantes grazas á cesión do terreo por parte da comunidade de montes. A finais do ano pasado construíronse dúas pistas de petanca nun terreo municipal da Cachada en Nantes cunha senda de acceso e un espazo para estacionamento para aproximadamente 10 vehículos.

0
0
0
s2sdefault