Concello de Sanxenxo - SANXENXO PON UNHA PICA EN NA ANTÁRTIDA, A 12.554 QUILÓMETROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



O biólogo e veterinario, Carlos Barros, participa no proxecto Perpantar que estuda os efectos do cambio climático a través dos pingüíns

Estudar os efectos do cambio climático a través do comportamento de colonias de pingüíns da Antártida en distintas fases vitais levou ao biólogo e veterinario, Carlos Barros, veciño de Sanxenxo a 12.554 quilómetros do seu municipio natal. A oportunidade de participar nun proxecto co CSIC chegoulle a través do seu traballo como conservador de aves no Oceanogràfic de Valencia. Non é a primeira vez que realiza expedicións deste tipo, en novembro estivo en Illas Galápagos, pero si a primeira na Antártida onde Illa Decepción foi unha das bases de operacións.

O traballo repartiuse en tres fases duns 20 días aproximadamente cada unha delas nas que se analizaron tres clases de pingüíns presentes no continente para coñecer como o quecemento global está a afectar ás súas funcións vitais. "Son uns auténticos bioindicadores e sentinelas do cambio climático. Son máis sensibles que calquera outra especie e iso permítenos en moitos casos a tomar medidas con certa antelación", explica Barros. Este proxecto non só lles permitirá contar cunha fotografía da situación senón monitorizar a estas aves durante aproximadamente un ano con xeolocalizadores e rastreadores que lles axudarán a profundar no coñecemento desta especie.

Ao longo de máis de 60 días, Barros que se comunicaba case a diario coa súa familia de Sanxenxo tivo a idea de fixar ao seu municipio natal nunha rosa dos ventos que hai na illa volcánica cos quilómetros que lle separaban dos seus seres queridos. "En períodos vacacionais e sempre que podo volvo a Sanxenxo onde teño á miña familia e visito a miña praia desde a infancia, Panadeira. Sanxenxo é un lugar privilexiado para vivir, un paraíso", asegura.

Tras un pormenorizado traballo de campo na Antártida agora toca sacar conclusións, unha tarefa que lles ocupará os próximos meses. Barros sinala que "non teñen que verse como negativas". Este proxecto permitirá ter a información real da situación para tomar as medidas acorde á situación de emerxencia climática.

0
0
0
s2sdefault