Concello de Sanxenxo - SANXENXO RECOÑECIDO COMO O MUNICIPIO ESPAÑOL CON MÁIS DISTINTIVOS EN SENDEIROS AZUIS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde, Telmo Martín, recolleu esta mañá as sete bandeiras concedidas pola Adeac nun acto en Santiago

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, acudiu esta mañá acompañado do concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, á entrega de bandeiras de Sendiros Azuis en Santiago. O acto estivo presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e celebrouse na Cidade da Cultura. O municipio mantén un ano máis o liderado no número sendeiros con esta certificación de España ao contar con algo máis de 30 quilómetros con este distintivo nun total de sete rutas. Un xurado de máis de 20 profesionais e expertos nacionais e internacionais encargáronse de verificar os criterios para a concesión dos distintivos.

Sanxenxo inaugurou con 4 rutas a súa listaxe de Sendeiros Azuis en 2017: O de Sanxenxo-Portonovo, que transcorre entre os dous núcleos e ten unha lonxitude de 8,61 km; o de Canelas-Punta Cabicastro, que vai desde o extremo máis oriental da praia ata os cantís e mide 3,35 km; o de Montalvo-Major, que une ambos os areais pola costa e ten unha lonxitude total de 6,45 km, e o sendeiro máxico da Lanzada, que vai desde a praia de Foxos ata A Lapa e unha lonxitude de 3,03 km. En 2018 sumáronse dous novos, o Sendeiro Litoral Areas-Punta Festiñanzo, entre Areas e o punto máis ao sur, Punta Festiñanzo, con 1,5 km de percorrido, e o de Paxariñas e Montalvo, que transcorre entre as dúas praias e ten unha lonxitude de 3,35 km. En 2022 sumou a súa primeira ruta polo interior, a de Aldariz, con 6.300 metros, unha nova posibilidade que presentou o programa da Adeac que ata agora só admitía sendeiros que transcorresen por praias ou portos con Bandeira Azul.

O Concello de Sanxenxo márcase novos retos e quere seguir ampliando esta cifra de sendeiros co da Ruta de Dorrón, unha vez que estea concluída. O obxectivo é poder incluíla no programa de 2024 e presentar a candidatura este mesmo ano. Sanxenxo tamén ostenta, polo momento, o liderado español en bandeiras azuis con 17 praias, pero o fallo do xurado da Adeac para este ano coñecerase máis adiante.

O obxectivo xeral deste programa de educación ambiental é recoñecer os esforzos realizados por municipios e outras entidades competentes na posta en marcha de camiños interpretativos que recuperan espazos naturais, establecen unhas liñas de xestión ambiental que favorecen a súa conservación e desenvolven un plan para a interpretación do seu patrimonio natural e cultural. Todo isto, ligado á realización de actividades de lecer e deportivas que se relacionan coa educación ambiental e o fomento dunha actividade turística sustentable.

0
0
0
s2sdefault