Concello de Sanxenxo - NAUTA SANXENXO RECIBE TRES OFERTAS PARA EXECUTAR A PRIMEIRA FASE DO PROXECTO BATEA EN TERRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Trátase de Construcións Castro Figueiro, Oreco Balgón e a UTE formada por Prace, Servizos e Obras-Electricidade In Mac Condado

A empresa municipal Nauta Sanxenxo acaba de recibir tres ofertas para executar a primeira fase do proxecto Batea en Terra de estudo Paredes Pedrosa Arquitectos. A mesa de contratación tivo lugar onte onde se comprobou a documentación achegada por Construcións Castro Figueiro, Oreco Balgón e a UTE formada por Prace, Servizos e Obras-Electricidade In Mac Condado. Agora ábrese o prazo para analizar a memoria descritiva antes de abrir a oferta económica. A obra saíu a licitación por 1.498.938 euros e cun prazo de execución de nove meses tras lograr a ampliación da concesión da contorna do porto ata 2047. A superficie da zona na que está prevista a primeira fase de actuación ascende a 5.259 metros cadrados na que se proxecta un noiro axardinado que comunica a Praza dos Barcos e a Praza do Mar.

O proxecto contempla nesta primeira fase a creación dun parque xardín que xere unha continuidade topográfica como un elemento charnela entre a Praza dos Barcos, o Paseo de Silgar, o Paseo dos barcos, o dique e os portos pesqueiro e deportivo. Mantense un acceso rodado ao porto pesqueiro polo exterior da praza, con carácter restrinxido. O aparcadoiro mantén as prazas actuais, así como todos os locais comerciais en concesión.

A intervención desta fase contempla tamén a rehabilitación e mellora do pavimento na Praza dos Barcos e a súa integración dentro do proxecto, a redistribución do mobiliario urbano existente e a simplificación e unificación de todos os elementos de señalética.

O deseño de plantación inspírase en paisaxes de costa que salpican o litoral e se intercalan entre as zonas urbanas e os areais das Rías Baixas. Optouse por introducir especies autóctonas propias da comunidade pola súa resistencia aos ventos, a salinidade e o seu baixo consumo de auga.

O obxectivo é a creación dun auténtico pulmón verde en pleno centro urbano de Sanxenxo, no que se plantarán 33 árbores (piñeiros e tamarices), 4.369 arbustos de oito variedades diferentes e un total de 10.289 plantas. As especies serán autóctonas, de diferente porte e con distintos estados de floración que permitan ter unha variación cromática ao longo do ano.

0
0
0
s2sdefault