Concello de Sanxenxo - O CONCELLO SACA A LICITACIÓN O PLAN DE ASFALTADOS POR 866.427 EUROS PARA UN TOTAL DE 16 PISTAS E VIAIS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

As empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o 17 de abril

O Concello de Sanxenxo sacou esta mañá a licitación o plan de asfaltados de viarios e pistas municipais por 866.427 euros. En total realizaranse 16 asfaltados nas sete parroquias que abarcan unha superficie lineal de 5.274 metros e inclúense a limpeza e apertura de cunetas, recrecidos de pozos e pintados.

A licitación prodúcese tras os permisos sectoriais tramitados ante a Deputación de Pontevedra, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Dirección Xeral de Costas. O prazo total previsto para a execución das obras é de 4 meses e serán financiadas co Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o próximo 17 de abril.

Trátase dunha actuación que permitirá mellorar a seguridade viaria destas estradas ao mellorar o seu firme, nalgúns casos notablemente deteriorado, o que dá lugar a situacións de risco e inseguridade para os usuarios. En liñas xerais prevese a extensión dunha capa de rodaxe e unha regulación do firme nos tramos necesarios.

En función das características de cada viario, seguíronse unha serie de pautas de asfaltado e pavimentación para mellorar a capacidade portante do firme. Así, nun total de 10 pistas contempladas no proxecto realizarase un ensanche previo: Telleiro-Talleres Arbón, Salgueira - Arnosa, A Bouza-A Lomba, Carballal, O Santo-Xunqueiriña-Polígono, Paxariñas- Barreira, Canelas, Reis-Cachadelos, Os Cotos-Paradela e A Costa- A Granxa. Outros 3 precisan dun tratamento especial no firme como son as bandas transversais para a redución de velocidade no viario Telleiro-Hotel A Lanzada e dúas sendas peonís, unha entre Telleiro - Talleres Arbón e outra entre Salgueira e Arnosa.

A estes asfaltados sumarase tamén o do Camiño da Fontiña que saíu a licitación a semana pasada. A actuación que abarca preto de 700 metros cadrados está valorada en case 72.000 euros e conta cun prazo de execución de 2 meses. Os traballos inclúen a mellora da rede de pluviais e as canalizacións necesarias de rede eléctrica e telecomunicacións. A pavimentación executarase cunha zona central de paso no camiño de 2,20 metros de ancho a base de lastro prefabricado de formigón mentres que no pequeno ramal está previsto a pavimentación con formigón coloreado.

0
0
0
s2sdefault