Concello de Sanxenxo - DORRÓN ESTREA NOVA RUTA DE SENDEIRISMO COA QUE POTENCIARÁ O SEU VALOR PAISAXÍSTICO E NATURAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde, Telmo Martín, acompañado da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, percorreron esta mañá a senda

O alcalde, Telmo Martín, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, percorreron esta mañá a nova senda de Dorrón acompañada de veciños e varios concelleiros de goberno. A actuación, que contou cun financiamento de preto de 500.000 euros de fondos Next Generation, permitirá pór en valor o patrimonio natural da contorna e desenvolver actuacións en materia de turismo rural nas parroquias do interior de Sanxenxo ao conectar a praia de Areas co muíño de Xián.

O alcalde, Telmo Martín, agradeceu a implicación veciñal no proxecto coas cesións totalmente gratuítas dos veciños que permitirá "contar coa infraestrutura verde máis bonita de Galicia e gozar da beleza do val de Dorrón". Así mesmo, subliñou o papel da presidenta da asociación de veciños da parroquia "sempre atenta a todo e tentando sempre mellorar o resultado". Martín sinalou, ademais, que o obxectivo para os próximos dous anos é que Sanxenxo pase de algo máis de 35 quilómetros de sendas verdes a 50. "A esta ten que sumarse todo o litoral da ría de Arousa de Sanxenxo e a ruta do río Fabaíños que conecta con Noalla. Son dous obxectivos para ou vindeiro mandato", explicou.

De feito, esta senda ten como obxectivo vertebrar e conectar os diferentes espazos e hábitats e funcionar como elemento dinamizador para achegar os valores naturais e paisaxísticos á poboación. Nesa liña, a conselleira incidiu en que este corredor facilitará a sensibilización, difusión e restauración do patrimonio natural existente na contorna desde a perspectiva do seu uso e goce público. Durante a actuación plantáronse 1.250 árbores autóctonas como carballos e realizáronse diversos muros de mampostería, así como pontes de madeira e varandas.

Despois de agradecer a implicación da veciñanza a través de case 280 cesións de terreos particulares co fin de que se puideran incorporar ao trazado definitivo e alargar así o itinerario, a conselleira explicou que as obras consistiron na execución de novas infraestruturas de paso en madeira ou pedra natural, a apertura da senda cun ancho mínimo de 2 metros e a colocación de varandas e mobiliario de madeira.

Ademais, tamén se puxo en marcha un plan para erradicar especies invasoras detectadas nas marxes do río como herba da pampa, a cana india ou o falso bambú. Para evitar a súa proliferación cubríronse tramos das marxes da senda cunha xeomembrana opaca que impide o paso da luz.

E, para facilitar o desfrute deste itinerario por parte de peóns e ciclistas, instalouse unha nova sinalización indicando non só o percorrido senón os lugares de interese como os muíños da Costa, de Felipe e de Quintáns, o lavadoiro e fonte de Outeiro ou o cruceiro de Quintáns.

0
0
0
s2sdefault