Concello de Sanxenxo - XUNTA E CONCELLO COLABORARÁN NA REFORMA INTEGRAL DO PAVILLÓN DE VILALONGA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



O alcalde, Telmo Martín, e o vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitaron esta tarde as instalacións deportivas

O alcalde, Telmo Martín, e o vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitaron esta tarde as instalacións do pavillón de Vilalonga onde está prevista unha reforma integral orzada en case 250.000 euros. A actuación inclúe a reparación da cuberta que permitirá acabar coas filtracións de auga, a impermeabilización de varias zonas, a substitución de carpintarías, a reparación e pintado de zonas interiores, a mellora das bancadas e a mellora da iluminación interior e exterior. Ademais, mellorarase a superficie da pista deportiva que se atopa, nestes momentos, en mal estado.

O vicepresidente segundo explicou que a Xunta axudará na mellora dentro da liña de colaboración do goberno galego coas entidades locais co obxectivo de fomentar a práctica de exercicio físico e o deporte base.

Actualmente este pavillón está a ser utilizado polo IES de Vilalonga para realizar as clases de Educación Física e tamén polo Club Sanxenxo de Balonmán para os seus adestramentos, así como o club de fútbol sala Asociación Xuvenil Saraiba do Mar mentres estea en obras o pavillón de Baltar.

O alcalde, Telmo Martín, lembrou que nos últimos anos están a levarse a cabo melloras nas distintas instalacións deportivas municipais coa que se busca fomentar o deporte e a vida saudable nunhas condicións e instalacións óptimas. Proba diso son a nova sede do Club de Piragüismo, o skatepark de Portonovo, a renovación do céspede, a rega e mobiliario do campo de fútbol do Revel, o peche da pista deportiva Nantes, a mellora da piscina con novos aparellos, unha sauna e nova bomba de calor e as novas pistas de petanca na Cachada e O Espiñeiro. En execución, atópase nestes momentos a mellora integral do pavillón de Baltar e proximamente o campo de fútbol de Dorrón. Tamén se prevé actuar no campo de fútbol de Noalla.

0
0
0
s2sdefault