Concello de Sanxenxo - O CONCELLO ADXUDICA A HUMANIZACIÓN DO CAMIÑO DA FONTIÑA EN BORDÓNS POR 69.210 EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A adxudicataria é E.C. Casas e comprométese a executar a obra nun prazo de mes e medio

O Concello de Sanxenxo acaba de adxudicar a humanización do Camiño da Fontiña en Bordóns por 69.210 euros. A adxudicataria dos traballos é E.C.Casas que se compromete na súa oferta a executar os traballos en mes e medio. A actuación centrarase nun dos accesos ao núcleo rural do Outeiro que actualmente ten un pavimento de formigón, que se atopa en avanzado estado de deterioración, e nun pequeno ramal existente na marxe esquerda do camiño.

Antes da pavimentación, demolerase o firme actual que alcanza unha superficie de 565,48 m2 e mellorarase a rede de pluviais, conectando a esta rede as baixantes existentes das vivendas. Ademais, colocaranse canaletas con reixas de fundición para eliminar a auga superficial do camiño. Tamén, se colocarán as canalizacións necesarias das redes eléctrica e de telecomunicacións.

Tras os traballos deixarase no camiño unha zona central de paso empedrado de 2,20 metros de ancho. Como o viario ten anchos dispares, completarase o pavimento con franxas laterais de formigón co árido visto. O estreito ramal da marxe esquerda pavimentarase cun formigón coloreado.

Para rematar as actuacións correspondentes a este proxecto, estenderase e compactará a zona de acceso ao camiño con mestura bituminosa en quente, e porase a cota de nova rasante as tapas de rexistro e reixas existentes. Coa pavimentación do Camiño da Fontiña preténdese mellorar o servizo ofrecido aos seus usuarios, igualando o pavimento co existente na zona e pondo en valor o núcleo do Outeiro onde xa se actuou de forma similar en 2018.

A obra será financiada na súa totalidade con cargo a unha subvención do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O prazo de garantía das obras mantense en 12 meses.

0
0
0
s2sdefault