Concello de Sanxenxo - A XUNTA ADXUDICA A RESTAURACIÓN DA CAPELA DA NOSA SEÑORA DA LANZADA POR 110.000€
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

  • O obxectivo desta actuación é evitar un posible deterioro irreversible no ben e a perda de elementos de valor artístico e cultural difíciles de recuperar
  • A empresa Parteluz Estudio porá en marcha os traballos nas vindeiras semanas cun prazo de execución de 5 meses e consistirán na limpeza da superficie pétrea do conxunto para consolidalo

 

A Xunta de Galicia vén de adxudicar a empresa Parteluz Estudio a restauración da capela da Nosa Señora de Lanzada, no concello de Sanxenxo, por 110.000€ segundo se publica no portal de contratación. Trátase dunha actuación cuxo obxectivo é garantir a conservación deste ben incluído no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e evitar un posible deterioro irreversible ou a perda de elementos de valor artístico e cultural difíciles de recuperar.

Para conseguilo, o proxecto que se porá en marcha nas vindeiras semanas cun prazo de execución aproximado de 5 meses inclúe traballos de limpeza e consolidación na superficie pétrea. En concreto, tal e como se reflicte nos pregos, consistirán na eliminación de plantas superiores, na preconsolidación de placas de pedra e limpeza mecánica da superficie, na eliminación dos morteiros deteriorados e de cemento, na desalación e no selado de gretas e fendas, entre outras tarefas. Ademais asentaranse as sopenas e a cruz da fachada principal, á que tamén se lle devolverá a verticalidade.

A maiores, executarase un estudo histórico-arqueolóxico mediante sondaxes arqueolóxicas manuais e farase un levantamento 3D da capela mediante fotogrametría, escalado e xeoreferenciado exterior.

Habitado desde tempos remotos

A ermida da Nosa Señora da Lanzada é un templo dos séculos XII ou XIII situado na parroquia de Noalla. O lugar de emprazamento da ermida, anteriormente unha illa e a día de hoxe un istmo, está habitado desde tempos remotos, sendo testemuño diso os innumerables restos achados nas inmediacións dun antigo castro do século VIII a.C.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

0
0
0
s2sdefault