Concello de Sanxenxo - O CONCELLO SUBSTITUIRÁ AS 368 LUMINARIAS DO PARQUE EMPRESARIAL POR LUCES LED
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación que ten un custo de 150.000 euros será sufragada ao 80% pola Consellería de Economía, Industria e Innovación

O Concello de Sanxenxo substituirá as 368 luminarias da iluminación pública do parque empresarial de Nantes por luces led. Un cambio co que se logrará un importante aforro enerxético e unha diminución dos gases efecto invernadoiro que se verten á atmosfera. A actuación que ten un prazo de catro meses e un custo de 150.000 euros contará cunha subvención da Consellería de Economía, Industria e Innovación no marco da concesión de axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais de Galicia. Esta subvención suporá un 80% do investimento mentres que o 20% restante será asumido polo Concello.

Os traballos que está previsto executar son o desmonte das 368 luminarias actuais, a subministración e instalación de luces led de última xeración, colocación da liña soterrada, así como de proteccións eléctricas. Tamén se prevé a instalación dunha columna troncocónica de aceiro galvanizado. O estudo previo realizado sobre o cambio de luminarias estima un aforro enerxético anual de 240.979,2 KW hora ao ano.

Na actualidade hai xa hai preto de 60 parcelas ocupadas con proxectos empresariais cun variado abanico de actividades económicas. O polígono conta cun total de 261 parcelas para actividade empresarial. A maiores, o Concello de Sanxenxo dispón dunhas parcelas que suman 48.704 m2 que se destinarán a equipamentos públicos, entre os que destacan as novas sedes da Policía Local, o Servizo de Emerxencias e a sede dos servizos de mantemento, parques e xardíns. O parque reúne polo menos 6 actividades económicas distintas, pero os sectores que máis destacan por número e a superficie que ocupan son a alimentación e os materiais de construción, con seis e oito empresas en cada un destes segmentos.

0
0
0
s2sdefault