O CIM ORGANIZA UN ESCAPE ROOM E A PROXECCIÓN DO DOCUMENTAL "EU TAMÉN NECESITO AMAR"
O Centro de Información á Muller organizará un escape room en tres centros educativos do municipio: IES Vilalonga (28 de abril), IES Sanxenxo (25 de abril) e o colexio Abrente (25 de abril). Trátase do clásico escape room, pero con enigmas e adiviñas relacionadas coa igualdade e contra as distintas manifestacións de violencias machistas. Durante a actividade analizaranse prexuízos, estereotipos e mitos asociados á igualdade e á violencia de genéro.
Ademais, está prevista a proxección do documental "Eu tamén necesito amar" dirixido ao Taller de Memoria Municipal. As proxeccións terán lugar as semanas do 17 e do 24 de abril, nas parroquias de Noalla, Vilalonga, Sanxenxo, Dorrón, Bordóns e Portonovo. Neste documental, dunha hora de duración, analízase a evolución das relacións de parella desde os anos 50 ata a actualidade, a evolución dos dereitos das mulleres, así como as distintas formas das relacións amorosas.
Desde unha perspectiva de xénero, poranse en evidencia a violencia machista, a súa evolución e transformación nos últimos anos, pero como a súa presenza segue sendo unha realidade. Ambas as actividades están financiadas con cargo aos fondos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado e Igualdade e contra a Violencia de Xénero.