Concello de Sanxenxo - TRES ESCAVADORAS E CATRO DUMPERS REALIZARÁN A REDISTRIBUCIÓN DA AREA NA CARABUXEIRA E LAVAPANOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os traballos comezarán o vindeiro luns á primeira hora da mañá aproveitando o momento de marea máis baixa

Tres escavadoras e catro dumpers encargaranse de repor, a partir do luns, o perfil das praias da Carabuxeira e Lavapanos. Os traballos realizaranse coas mareas máis baixas ao longo da semana e de forma simultánea en ambos os areais. A actuación que será sufragada desde Nauta Sanxenxo terá un custo de 43.469 euros e será realizada pola empresa Marcor Xove.

A partir do luns e ata o venres, prohibirase o acceso a ambos os areais por motivos de seguridade xa que se traballará con maquinaria pesada. A empresa calcula que se poderán devolver á parte seca da praia ao redor de 4.000 metros cúbicos de area. Trátase da segunda actuación de reposición de area que se acomete en ambos os areais, despois de que o pasado xuño de 2022, xusto un ano despois da reapertura, se acometese a primeira delas. Cabe lembrar que estas actuacións están previstas ata que se poida desenvolver o proxecto definitivo para recuperar os dous areais, que inclúe a achega de 17.000 m3 de árido e a construción dun dique de contención de area formado por un núcleo de formigón forrado de granito.

O seu trazado permitirá unir as rocas existentes na zona para minorar ao máximo o seu impacto, polo que se prevé un ancho do espigón de 2,24 metros e unha lonxitude de case 100 metros. Unha vez que se coloque o dique, retiraranse os tubos xeotextiles que se colocaron na fase provisional do proxecto e reporanse 27.000 m3 de area, dos que se achegaron xa 10.000.

Doutra banda, desde Turismo de Sanxenxo xa se sacou a licitación o mantemento de praias por 134.171 euros. En total, actuarase en 22 praias do termo municipal: Sagunto, Pampaído, Area de Agra, Areas, Palacios-Barreiros, Grileira, Lavapanos, A Panadeira, Silgar, Baltar, Caneliñas, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Bascuas, Pragueira, Major, Foxos, Nª Sra. Lanzada, Areas Gordas, Lapa e O Espiñeiro-A Lanzada. Os labores que inclúen o desmonte e retirada de pasarelas manteranse ata o final da tempada, polo que o prazo de execución das obras estará vixente ata o 30 de setembro de 2023. Tamén se realizarán reparacións, reposicións e pintados de varandas de protección, así como de valados, escaleiras ou ramplas. Ademais, reporanse os elementos rotos ou deteriorados nos módulos de aseos e casetas de socorrismo.

0
0
0
s2sdefault