Concello de Sanxenxo - AS OBRAS OBRIGAN A COLOCAR DE FORMA PROVISIONAL A ESCULTURA DO ATLANTE NA PRAZA DOS BARCOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A figura realizada en bronce é obra de Francisco Leiro, pesa 20.000 quilos e mide 14 metros

A execución das obras da primeira fase do proxecto Batea en Terra nas que se inclúe a creación dun noiro axardinado integrado coa contorna portuaria obrigaron a cambiar de localización, de forma provisional, a escultura do Atlante á Praza dos Barcos. Operarios municipais encargáronse de realizar esta mañá o traslado co camión guindastre, mantendo a colocación orixinal das pezas da escultura de Francisco Leiro. A figura realizada en bronce pesa 20.000 quilos e mide 14 metros.

O alcalde, Telmo Martín, acompañado do concelleiro de Obras e Servizos, Óscar Vilar Sartages, supervisou os traballos e ordenou a limpeza das distintas pintadas que presenta a escultura. A obra colocouse o 24 de agosto de 2005 nun lateral da Praza do mar e representa a un Deus que vivía nas profundidades do Océano Atlántico, segundo a mitoloxía grega. A cabeza, o tronco e as extremidades aparecen despegadas e ofrecen a posibilidade de converterse nun cómodo banco onde descansar, un respaldo onde tombarse ou un pasadizo onde acubillarse.

Doutra banda, a obra avanza a bo ritmo coa retirada do pavimento e a impermeabilización da superficie da praza. Ademais, xa se comezou co recheo das bancadas para iniciar a construción da pendente do xardín. A zona de actuación desta primeira fase é de 2.500 metros. A plantación de especies autóctonas que conformarán o xardín dará comezo en novembro e encargarase a paisaxistas especializados.

0
0
0
s2sdefault