Concello de Sanxenxo - A NAO VICTORIA RECALA NO PORTO DE SANXENXO A PRÓXIMA FIN DE SEMANA CON ENTRADAS AO BUQUE GRATUÍTAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A Nao Victoria recalará, por segunda vez, no porto deportivo Juan Carlos I a próxima fin de semana con entradas ao buque gratuítas, en horario de 10 a 19 horas. Construída para a Exposición Universal de Sevilla (1992), o seu porto de orixe, a Nao Victoria é a única réplica do barco orixinal que, ata a data, completou unha volta ao mundo. A construción comezou en marzo de 1991 en Isla Cristina (Huelva). O seu deseñador e construtor foi Ignacio Fernández Vial, que tras un exhaustivo estudo histórico trazou fielmente as súas formas e detalles. Durante oito meses, carpinteiros de ribeira e enxeñeiros traballaron na súa construción seguindo un máximo rigor histórico.

Unha vez terminada a Nao Victoria permaneceu exposta ao público durante a Exposición Universal de Sevilla en 1992, xunto coas réplicas da Nave Santa María e as carabelas Pinta e La Noña, as naves de Cristóbal Colón. Máis de 3 millóns de persoas visitaron estes barcos cheos de historia. Tras a Exposición Universal, a Nao Victoria foi exposta ao público en dique seco, fora da auga, preto do Pavillón da Navegación, polo que se puido admirar todas as súas formas.

En 2003, presentouse o proxecto de "A volta ao mundo da Nave Vitoria" á Sociedade Nacional de Xestión de Activos e a Sociedade Estatal para Exposicións Internacionais. As dúas institucións apoiaron con gran entusiasmo esta iniciativa. Os traballos de restauración e adaptación para a navegación comezaron inmediatamente.

En 2004, a réplica da Nao Victoria reproduciu a xesta da primeira volta ao mundo co fin dar a coñecer a maior fazaña marítima de todos os tempos, protagonizada por mariños españois. A réplica da Nao VIctoria partiu de Sevilla cunha tripulación de 20 homes e desde o 2004 a 2006 viaxou 26.894 millas náuticas, visitou 17 países en 5 continentes e converteuse na primeira réplica dun barco que dá a volta ao mundo.

Tras a aventura da volta ao mundo 2004-2006 e tomando o nome do barco, constituíuse no ano 2006 a Fundación Nao Victoria, entidade sen ánimo de lucro, co obxectivo de seguir difundindo a Primeira Volta ao Mundo e a historia marítima española a través desta única e excepcional réplica histórica.

Desde entón e con estes fins, a Nao Victoris foi xestionada pola devandita fundación, realizando proxectos propios por todo o mundo e participando en eventos nacionais e internacionais. Embaixadora da Primeira Volta ao Mundo, símbolo da historia marítima española, museo flotante e buque escola, no últimos trece anos, a Nao Victoris suma miles de millas navegadas, visitou os principais portos de toda España, Europa e EEUU, e conta con máis de 6 millóns de visitantes.

0
0
0
s2sdefault