A adxudicataria dos traballos calcula ter listo o 60% da obra antes do comezo da tempada alta
As máquinas desaparecerán a partir do 30 de xuño da estrada da Lanzada ao seu paso por Portonovo co obxectivo de non afectar á actividade comercial e turística da vila mariñeira en plena tempada estival. A adxudicataria dos traballos calcula ter listo o 60% da obra e rematar os traballos de beirarrúas e canalizacións ata o entroncamento coa Travesía Areal.
O proxecto abarca un tramo de 810 metros no que se vai a substituír a rede de saneamento, abastecemento de auga, separación de pluviais, iluminación e redes telefónicas. A mellora contempla a ampliación dos espazos peonís e a ordenación do tráfico coa creación de dúas novas rotondas á altura da estrada de Adina e a rúa da Perla, un illote central que separa ambos os sentidos da circulación e o axardinamento e arboledo da travesía.
A empresa delimitou no seu cronograma 3 zonas ou fases de actuación. A primeira vai desde a rotonda de inicio dos traballos ata o mercado de abastos; a segunda, desde o mercado ata o cruce da Perla onde está prevista a construción dunha rotonda e a terceira, desde A Perla ata a nova rotonda de Canelas.
O deseño proxectado tamén inclúe a renovación dos servizos coa instalación das canalizacións subterráneas para o cableado de telefonía e para a electricidade que substituirán os actuais tendidos aéreos e a renovación das redes de abastecemento, saneamento, pluviais e de iluminación pública.