Concello de Sanxenxo - ESPINA Y DELFÍN EXECUTARÁ O CAMPO DE FÚTBOL DE DORRÓN COMO OBRA DE COMPENSACIÓN POLO CANON XERADO NA PRÓRROGA DO ANTERIOR CONTRATO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

A concesionaria iniciará os traballos de forma inminente para que poida ser unha realidade a próxima tempada

A actual concesionaria do ciclo da auga de Espina & Delfín executará as obras do novo campo de fútbol de Dorrón como obra de compensación polo canon xerado no anterior contrato nas anualidades 2020, 2021, 2022 e ata marzo de 2023. Os anos de prórroga forzosa do ciclo integral da auga xeraron un importe aproximado de 704.791,48 euros, segundo informes de Intervención municipal, en concepto de canon que serán investidos na construción do novo equipamento deportivo.

O Concello de Sanxenxo renuncia ao pago en metálico a cambio de que Espina & Delfín asuma a obra como xa fixo noutras actuacións do municipio, tal e como contemplaba o anterior contrato da auga. As vantaxes de que sexa a propia concesionaria a que asuma a construción do campo de fútbol é que se acelerarán os prazos e redúcense os gastos de IVE e de beneficio industrial. As obras comezarán de forma inminente co obxectivo de que o novo campo de fútbol poida ser xa unha realidade para a próxima tempada.

A obra contempla a reforma integral das instalacións e a dotación de céspede de última xeración para a práctica de fútbol 11 e 7. O proxecto inclúe a colocación do céspede sintético de base elástica homologado pola FIFA, sistema de rega, iluminación, vestiarios, cantina, almacén, bancadas e peche perimetral. Ademais, acondicionarase a parcela exterior do campo como estacionamento con 24 prazas. A execución da actuación estímase en 8 meses.

O terreo de xogo contará cunha rede de rega con seis canóns de rotación lenta e constante con 10 estacións. A iluminación do campo de fútbol 11 proxéctase con torres de 20 metros de altura e 5 proxectores de 2.500 w asimétricos cada unha. Desta maneira conseguirase unha iluminación óptima para a práctica do fútbol. Colocaranse redes recolle balóns nos fondos do campo cunha altura de 6 e 4 metros nos fondos de fútbol 7.

En canto ao equipamento deportivo instalaranse 2 portarías de fútbol 11 de aluminio, 4 portarías de fútbol 7 de aluminio, 4 delas abatibles lateralmente, 2 bancos de xogadores con capacidade para 8 persoas mediante asentos plásticos e banderines de córner flexibles. Ademais, executarase un novo peche na zona sur do campo e mellorarase o peche perimetral existente. Substituirase o actual portal de entrada.

0
0
0
s2sdefault