Concello de Sanxenxo - O CONCELLO LICITA A PRIMEIRA FASE DO MERCADO DE SANXENXO QUE INCLÚE A MELLORA DE MOBILIDADE DA CONTORNA E UN PASO SOTERRADO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación sae a concurso por 2.396.016 euros e o prazo de execución estimado da obra é de 12 meses

O Concello de Sanxenxo acaba de licitar a primeira fase do mercado de abastos de Sanxenxo que inclúe o soterramento do tráfico dun tramo da Rúa de Madrid cun aparcadoiro con 32 estacionamentos e unha gran praza. O goberno galego financiará as intervencións achegando 1 millón de euros e o Concello licitará, executará os traballos e achegará o investimento restante, algo máis de 1,3 millóns. Trátase de xerar un espazo e amplialo para o peón, pero sen perder a funcionalidade rodada que se necesita.

O obxectivo é a humanización da contorna da praza de abastos mediante o soterramento do tráfico na Rúa de Madrid e ata a súa intersección coa estrada autonómica PO-308, que une Pontevedra coa Lanzada. Esta primeira fase licitarase a próxima semana e está previsto que poida comezar en setembro tras o parón do verán.

O Concello convocou un concurso de ideas para a execución dunha intervención integral na que se inclúe o novo edificio do mercado e dependencias municipais. A proposta gañadora, ademais da dotación dese novo equipamento municipal, ofrece solución aos problemas de circulación na zona, evitando a conxestión de tráfico e a inseguridade. A intervención reduce o espazo urbano destinado á circulación de vehículos e prima a rexeneración de espazos públicos nos que os peóns gañen protagonismo.

Estas intervencións constitúen unha 1ª fase dos traballos que o Concello vai desenvolver na contorna do mercado, onde vai construír un novo edificio que albergará o novo mercado, unha sala de estudos, unha biblioteca, unha sala polivalente e unha terraza con bar-restaurante.

0
0
0
s2sdefault