Os operarios da obra apuraban esta mañá os últimos retoques de axardinamento e de iluminación
A Praza Pública de Vilalonga abrirase esta tarde ao público para desfrute dos veciños e veciñas da parroquia. Os operarios daban esta mesma mañá os últimos retoques a unha obra que comezou a finais do ano pasado e que, por cuestións meteorolóxicas, sufriu un pequeno atraso respecto dos prazos previstos. O proxecto valorado en case un millón de euros supón a definitiva humanización da contorna, eliminando o tráfico rodado, aínda que mantendo o acceso de servizo ao campo de fútbol.
O novo espazo é unha zona versátil con beirarrúas amplas a ambos os dous lados da praza e cunha limitación da velocidade a 30 km/h no tramo da PO-505.
Para potenciar a zona infantil, colocáronse novos elementos de xogo e suprimíronse as barreiras físicas existentes, así como a bancada perimetral, que prexudicaban o acceso á praza.
A zona central da bancada impúlsase agora cunha pérgola de estrutura de aceiro galvanizado, cuxos piares seguen a liña dos troncos de bidueiro, para habilitar a realización de eventos culturais e deportivos con sombra durante a tempada estival. Con estas melloras, a praza incrementa o seu espazo útil, que pasa dos 4.011 metros cadrados aos 5.280 metros cadrados actuais, que se gañan nas inmediacións da PO-505 e do campo de fútbol.
No caso do campo, melloráronse os seus accesos, ademais da plantación de bidueiros que serven de barreira entre a estrada e a praza. Desta forma, a praza cumpre agora con tres necesidades: zona infantil, unha zona para realizar pequenos eventos e outra para eventos maiores.
A PRAZA PÚBLICA DE VILALONGA ÁBRESE ESTA TARDE AO PÚBLICO PARA O DESFRUTE DOS VECIÑOS
powered by social2s