Concello de Sanxenxo - O CONCELLO ACONDICIONA COMO APARCADOIRO A PARCELA DOS EDIFICIOS DERRUBADOS DO VELLO COLEXIO DO CRUCEIRO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



A parcela permite dotar ao centro de Vilalonga dun centenar de estacionamentos

O Concello de Sanxenxo acondicionou como aparcadoiro a parcela dos edificios derrubados do vello colexio do Cruceiro. Coa demolición das edificacións dos anos 1956 e 1965, que se atopaban en moi mal estado, gañouse espazo para que se dote ao centro de Vilalonga de preto de 90 novas prazas de aparcadoiro algunhas máis das previstas inicialmente mentres non se realice a urbanización da parcela. O novo estacionamento estará operativo a partir deste mércores 17 de maio.

Hai un quinto edificio, do ano 1996, que se atopa en bo estado, de 1.820 metros cadrados construídos, superficie similar ao Pazo de Emilia Pardo Bazán. O Concello recibiu unha subvención de 1,9 millóns dos fondos europeos por un proxecto cuxo obxectivo é convertelo nun centro sociocultural, unha FP de Hostalaría e Turismo e unha biblioteca.

A reforma supera os 3 millóns de euros e o Concello xa reservou nos orzamentos deste ano unha partida de 500.000 euros. O proxecto contempla na planta baixa un espazo de 360 metros cadrados que se destinará a edificio sociocultural con cafetaría, escenario, zona de baile, camerino e servizos.

Na planta baixa tamén se instalará a nova biblioteca cunha superficie de 220 metros cadrados. Cada unha destas dependencias ten a súa entrada independente e totalmente accesible. Por encima da planta baixa hai dúas plantas máis cunha superficie de 550 metros cadrados cada unha que se destinarán á FP de Hostalaría e Turismo.

O proxecto tamén prevé a ordenación urbanística de toda a parcela do colexio (4.620 metros cadrados) que disporá de espazos públicos con xardíns e elementos lúdicos, así como unha ampla zona de aparcadoiro. O obxectivo é que o antigo colexio se converta nun equipamento multixeneracional para maiores, estudantes, nenos e familias en xeral.

0
0
0
s2sdefault