Concello de Sanxenxo - A II COPA MÖRLING ARRANCARÁ ESTE ANO DENDE PORTONOVO COA REGATA DO SEPELO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) organiza por segundo ano consecutivo a ‘Copa Mörling’ de dornas a vela, unha proba que naceu como mostra de agradecemento a toda a labor realizada en prol da salvagarda das embarcacións tradicionais galegas polo etnólogo e antropólogo sueco Staffan Mörling. O circuíto desta edición estará formado por seis regatas que arrancará en Portonovo o vindeiro 17 de xuño e finalizará, o 9 de setembro, en Bouzas (Vigo). A cita foi presentada esta mañá pola concelleira de Cultura, Paz Lago; a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas; o representante de Amigos da Dorna de Portonovo, Alejandro Piñeiro, e o presidente de Culturmar, Xosé Luisa Sacau.

As regatas de dornas a vela, lonxe de ser unha mera competición deportiva, son unha demostración de saberes tradicionais que forman parte do rico patrimonio inmaterial que supón a navegación tradicional con vela de relinga. Co obxectivo de promover e estimular a partipación neste tipo de eventos, Culturmar xa conseguiu o ano pasado unificar catro regatas de dornas a vela que xa existían en Galicia (Portonovo, Cambados, O Grove e A Illa de Arousa) e engadiu unha nova, a de Combarro, para crear a ‘Copa Mörling’. Para esta segunda edición, a competición expándese coa organización en Bouzas da Regata Cabo de Mar. 

Entre os meses de xuño e setembro, as vilas de Portonovo, (XIV Regata do Sepelo- 17 de xuño), Cambados (VI Regata do Salnés- 1 de xullo), A Illa de Arousa (Triángulo do Cantiño- 15 de xullo), O Grove (XXXIV Regata dos Faros- 22 de xullo), Combarro, (II Regata da Reiboa- 26 de agosto) e Bouzas, (I Regata Cabo de Mar- 9 de setembro) serán escenario das seis regatas desta segunda edición da ‘Copa Mórling’. Serán competicións de, aproximadamente, dúas horas de duración e que terán lugar os sábados pola tarde, excepto a de Combarro, que será pola mañá.

A organización deste evento persegue, sobre todo, conseguir unha maior difusión entre o público xeral das dornas como patrimonio material e do seu xeito de navegar como patrimonio inmaterial, así como dar a coñecer para que se empregaban estas embarcacións profesionalmente e en que contexto xorden estas competicións informais.

A edil de Cultura, Paz Lago, destacou a labor que están realizando para dar a coñecer a cultura mariñeira e o traballo feito tanto dende Culturmar como dende o colectivo local Amigos da Dorna.

O presidente de Culturmar, Xosé Luis Sacau, asegura que a organización desta segunda edición “demostra o éxito conseguido o ano pasado e as ganas que existen de continuar”. A idea é que todos os colectivos federados da provincia de Pontevedra, organicen ou non regatas, participen na organización desta copa. Trátase de afianzar os lazos de unión e xerar impacto turístico positivo nas vilas costeiras onde se celebra cada unha das xornadas. Os colectivos que apoian a Culturmar na organización deste campionato son a Asociación A Torre de Cambados, A Reiboa de Combarro, a Asociación Amigos da Dorna de Portonovo, a Asociación Cultural e Deportiva Dorna da Illa de Arousa, a Dorna Meca do Grove e a Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos San Miguel de Bouzas.

Xosé Luis Sacau explica que nesta segunda edición van mellorar algúns aspectos relacionados á seguridade das probas, así como formalizar o proceso de inscrición das embarcacións. Deste xeito, haberá unha inscrición xeral na Copa Mörling para todas aquelas dornas que teñan intención de participar en todas as probas do circuíto para puntuar e optar a algún dos premios. Pero tamén “imos favorecer que haxa quen queira participar non de forma competitiva nalgunha das regatas previstas”.

As seis regatas previstas ao longo do verán serán de tipo triangular e preto das radas de cada vila para, deste xeito, mellorar a visibilidade para o público desde terra. A ‘Copa Mörling’ terá un sistema de puntuación para estimular a participación das dornas. Ao final desta competición, haberá un trofeo para as embarcacións que queden nas tres primeiras posicións no cómputo xeral. No caso de empate, as dornas faría un largo barlovento-sotavento para desempatar. Ao finalizar cada regata, haberá unha xornada de convivencia entre as persoas participantes.

 

0
0
0
s2sdefault