Os baños e os lavapés tamén entran en funcionamento nestes areais
Un total de 16 socorristas vixían desde hoxe as praias con máis afluencia de Sanxenxo: Areas, Silgar, Canelas e Montalvo. Farano así esta fin de semana e a que vén como unha mellora da calidade do servizo e como unha aposta pola seguridade nos areais. Os efectivos de vixilancia estarán en horario ininterrompido de 12 a 20 horas. O goberno acordou adiantar este servizo como xa fixo en 2022 como tamén o fixo co balizamento, por primeira vez, a pasada Semana Santa.
A partir do 15 de xuño, os efectivos de salvamento estenderanse a un total de seis praias todos os días da semana. Así, a Areas, Silgar, Canelas e Montalvo sumaranse Foxos e O Espiñeiro-A Lanzada. Desde o 1 de xullo e ata o 15 de setembro, o servizo ampliarase ao resto de areais cunha franxa horaria maior en Silgar. En total serán 80 persoas as que conformen o servizo de vixilancia.
Deste xeito, Sanxenxo anticipa a tempada estival dando resposta a unha demanda cada vez máis crecente de visitantes. As zonas de baño das 17 praias de bandeira azul xa se atopan balizadas e as canles de nado entre Silgar, Baltar e Canelas xa está operativos.
Os kioskos tamén xa comezaron a funcionar en praias como Silgar do mesmo xeito que servizos como os hidropedales ou as tumbonas. Os baños, que se limparán cada hora e media, tamén xa están abertos nestes catro areais e os lavapiés en funcionamento. O parque acuático de Portonovo tamén estaba esta mesma mañá en plena montaxe.