Concello de Sanxenxo - O PRIMEIRO CURSO DA FP DUAL DE COCIÑA E RESTAURACIÓN DE SANXENXO CONCLÚE CO 100% DE INSERCIÓN LABORAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde, Telmo Martín, acudiu ao Hotel Pedramar para saudar aos alumnos que acabaron o primeiro curso do ciclo

Un total de 8 alumnos concluíron esta semana o primeiro curso da FP Dual de Cociña e Restauración e xa porán en práctica o aprendido durante o verán. O alcalde, Telmo Martín acudiu ao Hotel Pedramar onde levaron a cabo as clases prácticas, acompañado do director do Carlos Oroza, Manuel Hermo, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo, para saudar á primeira promoción desta formación no municipio.
Neste primeiro curso, centrado na cociña, as clases teóricas impartíronse no IES de Vilalonga e as prácticas neste establecemento hostaleiro. O segundo curso centrarase na restauración e no servizo ao cliente con simulacións.
O prazo de inscrición ábrese o 23 de xuño e manterase aberto ata o 6 de xullo. O ciclo componse de 2.000 horas lectivas repartidas en dous cursos. As prácticas realizaranse os luns pola mañá e o martes en horario de mañá e tarde.


O Concello confía en renovar o acordo con este hotel o próximo curso que dispón dunhas boas instalacións que inclúen unha cociña totalmente equipada, almacén, aseos, vestiarios e unha ampla sala entre outras dependencias. O Concello encárgase do aluguer do establecemento e do transporte en autobús dos alumnos entre o instituto e o hotel. O Concello, como fai co resto dos centros educativos, tamén se encarga da limpeza das instalacións.


O obxectivo do goberno é poder levar a cabo esta FP no vello colexio de Vilalonga cuxa reforma está valorada en algo máis de 3 millóns de euros. O Concello recibiu unha adxudicación provisional dunha axuda de 1.955.100 euros dos fondos europeos Next Generation. Trátase dunha actuación importante que converterá o antigo colexio nun equipamento socio educativo moderno, dotado con sistemas enerxéticos sustentables e con 3 espazos diferenciados, o centro de xubilados (360 metros cadrados), a biblioteca (220 metros cadrados) e a escola de turismo (550 metros cadrados) onde se incluirán as instalacións do ciclo de hostalaría e restauración.
Ata o momento, recuperouse a parcela de 4.620 metros cadrados que rodea o edificio coa derriba das edificacións que carecen de aproveitamento e destinouse a aparcadoiro disuasorio aproveitando a súa excelente localización no centro do núcleo urbano de Vilalonga.

0
0
0
s2sdefault