Ollares de Portonovo volve sacar á rúa unha exposición con preto de 1.000 imaxes cun espazo dedicado ao fotógrafo homenaxeado
A Praza de Pascual Veiga acolle hoxe unha mostra de preto de 1.000 fotografías antigas e recentes de Sanxenxo recompiladas pola Asociación Ollares de Portonovo. Moitas delas asinadas polo fotógrafo homenaxeado nesta edición de Ollares na Rúa, Olimpio Piñeiro, xa falecido. Nun emotivo acto, a concelleira de Cultura e Eventos, Elena Torres, colocaba ao seu primoxénito, Alfonso Piñeiro, unha insignia de ouro con forma de cámara fotográfica acompañado dos seus dous irmáns, Jose Manuel "Chiña" e Loli, e máis membros da familia.
Jose Manuel foi o encargado de lembrar ao seu pai e os inicios nunha profesión, totalmente vocacional, que logo seguiron os seus fillos. "Antes de ser fotógrafo foi zapateiro en Dena, pero isto cambiou cando chegou a cámara de fotos que lle enviou ou seu pai de Bos Aires onde estaba emigrado. Grazas por esta homenaxe, estamos moi agradecidos", sinalou.
O presidente de Ollares de Portonovo, Luis Dobarro, explicou como xurdiu este recoñecemento aos fotógrafos locais. "Cando empezamos a recompilar fotografías antigas démonos conta de que a maioría delas estaban asinadas por Olimpio ou Gerardo polo que cremos que era de xustiza recoñecer o seu labor", explicou. Ademais, dentro da exposición reserváronse dous paneis con retratos e fotografías familiares de Olimpio Piñeiro.
Pola súa banda, a concelleira Elena Torres agradeceu o labor realizado por Ollares de Portonovo e lembrou a figura do fotógrafo homenaxeado. "Esta exposición achéganos a historia do municipio. Quen non ten unha foto de Olimpio na súa casa?", afirmou.
A exposición crece en cada edición recibiu desde primeira hora da mañá numerosas visitas. Ante a gran expectación, a mostra prolongarase durante a xornada de mañá.
A FAMILIA DE OLIMPIO PIÑEIRO RECOLLE A INSIGNIA DE OURO POLA SÚA CONTRIBUCIÓN Á MEMORIA FOTOGRÁFICA DO MUNICIPIO

powered by social2s