Concello de Sanxenxo - SANXENXO ALEGA AO MINISTERIO PARA INCLUÍR UNHA ZONA DE DORRÓN E NOALLA NOS DESPREGAMENTOS DE FIBRA ÓPTICA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello de Sanxenxo volveu a presentar alegacións ante o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital en resposta á "Consulta pública sobre a identificación preliminar de zonas que non dispoñen de cobertura de banda ancha de polo menos 100 Mbps". Co obxectivo de que o goberno, ao longo deste ano, licite axudas económicas para que as empresas operadoras implanten novas infraestruturas nos próximos dous anos, o Concello indica as zonas do municipio nas que se ten constancia de que non dispoñen de cobertura de fibra óptica para que sexan tidas en conta para esta ou próximas convocatorias.

Resultado dos traballos do inventario de infraestruturas de comunicacións realizados polo Concello de Sanxenxo, detéctanse dúas zonas que non se tiveron en conta nesta convocatoria do Ministerio nin nas anteriores, e que completarían a cobertura do municipio. Trátase da contorna do núcleo de Barreiro, na parroquia de Dorrón, e unha zona da Lanzada, cara ao interior, á altura da Capela da Lanzada, na parroquia de Noalla.

Cabe lembrar que o Goberno estatal é a única administración con competencias en telecomunicacións e que concede subvencións aos operadores para facilitar os despregamentos de fibra óptica alí onde non son rendibles. Durante a última visita a Sanxenxo, o delegado do goberno naquel momento, José Miñones, datou en 2025 como o ano no que se conseguiría a conectividad total do municipio.

En 2021 o Concello de Sanxenxo encargou un estudo dos 119 núcleos de poboación de Sanxenxo, no que se recollen todas as estradas e rúas, fotografías xeorreferenciadas das infraestruturas existentes, para incorporar a un ficheiro para que se puidese consultar de maneira sinxela e visual. Incluíu ademais un informe con fichas técnicas das infraestruturas, fotografías de detalle e identificación dos distintos elementos, as empresas operadoras e infraestruturas municipais. En total catalogáronse 1.978 elementos. A información permitiu obter unha radiografía clara e actualizada da situación e realizar as pertinentes alegacións, así como asesorar aos veciños e veciñas do municipio.

0
0
0
s2sdefault