Concello de Sanxenxo - O PORTO JUAN CARLOS I INCREMENTOU UN 60% OS TRÁNSITOS DE EMBARCACIÓNS RESPECTO A 2022
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Ata 14 bandeiras diferentes recalaron nas instalacións municipais durante o primeiros seis meses do ano Sanxenxo
 
O balance de ocupación do porto Juan Carlos I revela un incremento do 60% dos tránsitos no primeiros seis meses do ano respecto a 2022 e un 23% sobre 2019. Un total de 123 embarcacións recalaron nos pantaláns das instalacións municipais con ata 14 bandeiras diferentes. A española é a insignia máis numerosa con 59 barcos seguida de Irlanda (15), Alemaña (10), Suecia (8), Francia (8), Países Baixos (8), Portugal (4), Reino Unido (3), Finlandia (2), Austria (2), Suíza (1), Dinamarca (1), Italia (1) e Noruega (1). En canto á modalidade das embarcacións, 84 eran veleiros e 39, a motor. Nauta Sanxenxo segue detectando un incremento de naves con esloras superiores aos 12 metros, onde se concentra o 57% do tráfico sendo as de ata 15 metros as máis numerosas (47). A esta actividade de tránsito hai que sumar os 370 barcos que teñen Sanxenxo como porto basee e que manteñen o seu amarre durante todo o ano. O porto deportivo Juan Carlos I xa colgou o cartel de completo para os meses de xullo e agosto desde abril con estancias superiores aos 15 días. Tamén os amarres para as motos de auga están ao 100% nestes momentos. O porto deportivo de Sanxenxo conta cunha superficie concesional total de 123.222 metros cadrados. As súas instalacións comprenden unha lámina de auga de 90.000 metros cadrados, 450 puntos de amarre e máis de 25.000 metros cadrados de espazo peonil. Aos amarres correspondentes ao alugueiro e os que son de carácter anual fixo, súmanse as concesións e os amarres variables para o tránsito de embarcacións. A entidade acaba de ampliar a súa concesión ata 2047 vinculada a diferentes proxectos destinados a mellorar a fachada marítima, o máis importante o de Batea en Terra, cuxa primeira fase está en plena execución. O porto conta con servizo de gasolineira nas súas instalacións desde a que se forneceron durante o primeiro semestre 34.710 litros de combustible, un 6% máis que no mesmo período que 2022.
0
0
0
s2sdefault