Concello de Sanxenxo - O CONCELLO RENOVA UNHA TUBAXE DE RESIDUAIS EN BORDÓNS CO OBXECTIVO DE LOGRAR UNHA CALIDADE EXCELENTE DA AUGA NA PRAIA DE NANÍN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A concesionaria Espina e Delfín detectou, tras as inspeccións periódicas, filtracións no colector paralelo ao río de Nanín
 
Co obxectivo de conseguir unha calidade excelente na auga da praia de Nanín, o Concello renovou esta semana a tubaxe de augas residuais que se atopa paralela ao río que desemboca no areal. A empresa concesionaria da auga detectou nas súas inspeccións periódicas con cámaras subterráneas filtracións en varios puntos do colector que poderían estar a provocar alteracións na auga. Para poñer solución a este problema, Espina e Delfín executou esta mesma semana os traballos para substituír 315 metros de tubaxe de formigón, que tiña unha antigüidade de 30 anos e atopábase en moi mal estado, por unha de resina moito máis compacta e sen risco de perdas. Tras a realización destes traballos, a concesionaria volverá tomar mostras en ata cinco puntos diferentes do río e da praia para comprobar a calidade da auga.
O Concello confía en que, tras esta obra, ao areal poida optar ao distintivo de bandeira azul. Como paso previo, a praia debe incluírse no programa de vixilancia sanitaria da Consellería de Sanidade e conseguir durante varios anos unhas analíticas que certifiquen a calidade das súas augas. Segundo o criterio da Adeac, a calidade de augas de baño na praia, durante a tempada anterior, debe ser excelente, en todos os seus puntos de mostraxe, conforme á Directiva de Calidade de Augas de Baño. Débense tomar oficialmente un número de mostras periódicas de auga para determinar esta calidade. Adicionalmente, debe cumprir a Directiva de Tratamento de Augas Residuais Urbanas. En 2019, o Concello substituíu e ampliou tamén un colector de saneamento na zona e notouse de forma positiva na calidade da auga. Agora confía en que esta última actuación sirva como solución definitiva.
0
0
0
s2sdefault