Concello de Sanxenxo - A RAMPLA AXARDINADA DO PORTO DE SANXENXO RECIBE O DEPÓSITO DOS PRIMEIROS 1.279 M3 DE TERRA VEXETAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 A arquitecta María Fandiño, gañadora do premio de Arquitectura 2021 na categoría de "Sustentabilidade e Saúde. Valores universais”, encargarase do deseño do espazo
 
A rampla axardinada do porto de Sanxenxo, prevista na primeira fase do proxecto Batea en Terra, recibe o depósito dos primeiros 1.279 metros cúbicos de terra vexetal que se estenderán ao longo dos 5.259 metros cadrados da área de actuación. Ata o lugar xa se desprazou a arquitecta María Fandiño, gañadora do Premio Arquitectura 2021 na categoría de "Sustentabilidade e Saúde. Valores universais" do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España, que se encarga do deseño do xardín, da selección das especies arbóreas e dos tempos de plantación. O resultado da obra dará lugar a un novo espazo verde en pleno centro urbano de Sanxenxo, no que se plantarán 33 árbores (piñeiros e tamarices), 4.369 arbustos de oito variedades diferentes e un total de 10.289 plantas. As especies serán autóctonas, de diferente porte e con distintos estados de floración que permitan ter unha variación cromática ao longo do ano. Optouse por introducir especies autóctonas propias da comunidade pola súa resistencia aos ventos, a salinidade e o seu baixo consumo de auga. De feito, só necesitarán rega o primeiro ano e medio desde a súa plantación. O xardín supoñerá unha mellora de accesibilidade á planta superior da Praza do Mar, como un elemento charnela entre a Praza dos Barcos, o Paseo de Silgar, o Paseo dos Barcos, o dique e os portos pesqueiro e deportivo. A intervención desta primeira fase contempla tamén a rehabilitación e mellora do pavimento na Praza dos Barcos e a súa integración dentro do proxecto, a redistribución do mobiliario urbano existente e a simplificación e unificación de todos os elementos de señalética. Unha boa coordinación da obra está a permitir que o prazo de execución estea a cumprirse, a pesar de atoparse en pleno centro urbano e en tempada estival. Os pavimentos de pedra da praza a nivel superior están realizados ao 80%. Esta semana prevese concluír a execución dos remates e os asentos de pedra.
0
0
0
s2sdefault