Concello de Sanxenxo - NOALLA PREPÁRASE PARA REPARTIR 24.000 UNIDADES DE BIVALVO NA SÚA XXX FESTA DA OSTRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

 A cita celebrará a próxima fin de semana baixa unha carpa situada nas inmediacións do campo de fútbol
 
Noalla prepárase para homenaxear ao seu bivalvo rei e prevé a venda de 24.000 unidades na XXX Festa da Ostra que terá lugar a próxima fin de semana. As concelleiras de Cultura e Eventos, Elena Torres, e de Educación, Natividad Parada, presentaron a cita gastronómica xunto ao presidente da Comisión de Festas Virxe do Carme de Noalla, Roberto Garrido e varios membros do colectivo no coñecido quiosco de Chicha da Lanzada. Unha carpa instalarase, desde o vindeiro venres e ata o domingo, nas inmediacións do campo de fútbol de Noalla en horario continuado de 10 a 23 horas para a degustación do bivalvo, así como outros produtos como polbo, empanada, churrasco, tortilla ou mexillóns. Todos a prezos populares e mantendo as tarifas do ano pasado. Unha vez máis a comisión de festas volve apostar polo albariño Marqués de Abraldes como viño da cita na que tamén haberá auga e refrescos. As ostras serán servidas por Mariscos Daporta que garante ano tras ano a subministración da cita, así como a mellor calidade do produto. A festa que cumpre a súa trixésima edición aspira a seguir crecendo e seguir consolidándose no calendario das festas gastronómicas da comarca. A concelleira de Cultura e Eventos agradeceu a implicación da comisión de festas para que o evento sexa ano tras ano un éxito tanto de público e destacou “a paisaxe incomparable da Lanzada como pano de fondo da festa”.
0
0
0
s2sdefault