Concello de Sanxenxo - PORTONOVO VIVIRÁ SEIS DÍAS DE FESTA PARA HONRAR A NOSA SEÑORA, SAN ROQUE E O CARME
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A tradicional sardiñada no porto o vindeiro luns 14 marcará o arranque das celebracións patronais 
 
Portonovo vivirá seis días de festa para honrar á nosa Señora, San Roque e o Carme. A Asociación Cultural San Cristóbal de Portonovo, organizadora das citas, pechou unha programación protagonizada pola música, as celebracións litúrxicas, a sardiñada e o Día do Can. A actividade arrincará o vindeiro luns 14, cun pasacalles de Os Gatiños de Portonovo e a tradicional sardiñada no porto onde está previsto a repartición gratuíta de media tonelada do peixe azul. A noite estará amenizada por Don DJ. O día 15, Día da Nosa Señora, unha salva de bombas anunciará en comezo das festas con pasacalles cos grupos Lembranzas e Os Gatiños. Ás 13 horas, terá lugar a misa. Pola noite, ás 23 horas, celebrarase o concerto de Broken Peach e a disco móbil de DJ Pedro-VR. O día 16 de agosto, coincidindo coa celebración de San Roque, a xornada dará comezo coas alboradas de Lembranzas e Os Gatiños. Ás 11 horas celebrarase a misa na igrexa de Portonovo e, a continuación, realizarase o tradicional encontro de imaxes. Ás 13 horas, concerto da Banda de Música de Sanxenxo na Casa de Don Fernando. Pola noite, a partir das 22:30 horas, a verbena correrá a cargo de Kubo e DJ Charlie. A medianoite terá lugar o espectáculo pirotécnico. O día 17 dedicarase o día á Virxe do Carmen. A Banda de Música de Ribadumia actuará ás 13 horas, á beira da capela, e ás 19 horas a misa solemne contará coa actuación da Coral de Santa María de Adina. Ás 23 horas, orquestra Panorama e a disco móbil Dolce Vita pecharán a xornada. O 18 celebrarase o Día do Can. A música na rúa iniciará a xornada e pola tarde, ás 18:00 horas, terán lugar os tradicionais xogos populares no peirao. A verbena, a partir das 22:30 horas, contará coa orquestra Combo Dominicano e o DJ Pedro. O 19 de agosto terá lugar o concerto Canelas Sound Tour coas actuacións de Sergio González (Tola Urban FM), Javi Loro, Pitty, Yago Rivas e Aaron The Wear.
Doutra banda, e sobre a localización das atraccións das festas, o Concello confirma que Portos de Galicia se permite utilizar o varadero, en concreto 4.500 m2, practicamente o mesmo que nas festas de Sanxenxo e o 65% do espazo que utilizaron en anos anteriores. Se a Asociación Cultural San Cristóbal de Portonovo e os feirantes consideran que 4.500 m2 non son suficientes para instalar as atraccións que demandan veciños e visitantes, están no seu dereito de tomar a decisión que consideren oportuna. O Concello sempre puxo todos os medios ao seu alcance para o bo funcionamento das festas de Portonovo incluíndo a achega de 125.000 €.
0
0
0
s2sdefault