Concello de Sanxenxo - UN ESTUDO DE BIG DATA REVELA QUE SANXENXO RECIBIU 415.072 VISITANTES E 134.834 TURISTAS DURANTE O PASADO MES DE XULLO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
A Mancomunidade do Salnés presentou esta mañá os datos no Obradoiro de Hostalería situado no municipio
 
Sanxenxo recibiu o pasado mes de xullo a 415.072 visitantes e 134.834 turistas, unhas cifras que supoñen un crecemento relevante respecto a xullo de 2022, concretamente un 9,39% e un 7,18%, respectivamente. Os datos son extraídos dun traballo encargado pola Mancomunidade do Salnés a Orange no que se aborda o comportamento real dos desprazamentos de turistas nacionais e internacionais ao municipio a través da análise do Big Data e a xeolocalización do móbil. A presentación das cifras tivo lugar esta mañá no Obradoiro de Hostalería do Salnés. O xerente da Mancomunidade, Ramón Guinarte, foi o encargado de expoñer os datos recollidos sobre o municipio. “Estes datos reflicten que Sanxenxo non é o motor turístico só de Galicia senón do norte de España superando cifras dun verán de récord como foi o ano pasado”, asegurou. Pola súa banda, o concelleiro de Turismo, Juan Deza, incidiu na importancia duns datos que “nos axudan a reforzar a estratexia turística e a seguir colleitando bos datos”. O estudo inclúe indicadores sobre a orixe e o comportamento dos visitantes e turistas durante a súa estancia ou áreas de pernoitas, así como a duración das visitas. O tempo medio de estancia dos visitantes (persoas que non pernoitan) foi de 4,07 horas e o total de visitas superaron os 1,6 millóns. En canto á procedencia, de orixe nacional destaca Pontevedra (152.667), A Coruña (53.547) ou Madrid (45.510) e de orixe internacional, Portugal (13.063), Francia (2.851) e Alemaña (1.845). Respecto a os turistas, rexistráronse 587.080 pernoitas e o tempo medio de estancia foi de 3,19 noites. En canto á procedencia, de orixe nacional, Madrid (21.118), A Coruña (18.681) e Pontevedra (13.868) e internacional, Portugal (6.640), Francia (866) e Alemaña (531). Hai tamén turistas de Arxentina, Bélxica, Estados Unidos e Irlanda. En canto á poboación, o estudo revela un dato interesante que reafirma o incremento poboacional de Sanxenxo durante os meses estivais. En xullo, o municipio triplicou a cantidade de residente, persoas que pernoitan máis de 15 días, en comparación coa poboación rexistrada no padrón alcanzando unha poboación estable de 38.707 sen contar nesta cifra os visitantes rexistrados en xullo (415.072).
0
0
0
s2sdefault