Concello de Sanxenxo - SANXENXO DISTINGUIRÁ COAS CEBOLAS DE OURO AO ENXEÑEIRO DA NASA FERNANDO ABILLEIRA E A DOUTORA ADRIANA NIEVA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O acto de entrega do galardón terá lugar o próximo 4 de setembro no recinto portuario
 
O Concello de Sanxenxo distinguirá ao enxeñeiro da NASA Fernando Abilleira e a doutora Adriana Nieva con senllas insignias de Cebolas de Ouro 2023. As súas traxectorias vitais e profesionais fixeron a ambos os merecedores deste galardón que recibirán nun acto que terá lugar o próximo 4 de setembro. Fernando Abilleira reside actualmente reside en California coa súa muller e tres fillos, pero as súas vacacións e a súa infancia están ligadas a Sanxenxo, concretamente á vivenda da súa avoa en Padriñán. “Nacín en Madrid, pero pasaba de 2 a 3 meses de verán en Sanxenxo ata que terminei os meus estudos universitarios. Galicia e, en concreto Sanxenxo, son moi especiais para min. Adoro esta terra. Un tamén se pode sentir galego sen nacer en Galicia”, asegura. Abilleira é un dos poucos españois en traballar para a axencia espacial estadunidense NASA con importantes resultados.
Nestes momentos, está a dirixir o deseño da misión que ten como obxectivo aterrar un rover en Marte para tomar mostras do subsolo e buscar material orgánico. Ademais, traballa como subdirector do equipo de Operacións de Voo do proxecto Sample Retrieval Lander, que se engloba dentro da campaña Mars Sample Return da NASA/ESA, a cal ten como obxectivo traer á Terra, non antes do 2033, as mostras do chan marciano que está a recoller Perseverance para analizalas e buscar posibles evidencias de vida pasada no Planeta Vermello. Ademais, publicou múltiples documentos técnicos nas áreas de Astrodinámica, Mecánica Orbital, Navegación e optimización de traxectorias. “Recibir a Cebola de Ouro na miña terra é todo un orgullo e aceptareino de parte de todas as persoas que conforman a nosa sociedade. Sen o traballo e o esforzo de todas e cada unha delas, o noso día a día non funcionaría”, afirma. Adriana Nieva licenciouse en Medicina, Estamatología e Maxisterio. Xunto ao seu marido, José Díaz Soto, primeiro médico de medicina xeral en Sanxenxo, axudou a nacer a moitos veciños de Sanxenxo na sala de alumeamentos da súa clínica. Orixinaria de Madrid, unha substitución dun médico tróuxoa ao Grove en 1961 onde coñeceu a José Díaz Soto, que xa exercía en Sanxenxo e con quen casou tan só dous anos despois. “Non era habitual que una médico muller e o meu pai foi ao Grove a coñecela e namoráronse”, conta coa súa filla, Adriana Díaz. “A súa prioridade sempre foron os enfermos e os seus pacientes. Ás veces comiamos ás tantas porque tiñan que saír a unha urxencia, mesmo pola noite, de madrugada, se había unha urxencia alá marchábanse”, lembra.
En Baltar exerceu durante 25 anos, tras aprobar a oposición de Asistencia Pública Domiciliaria e percorrer distintos destinos, entre eles Meaño. “Sentía paixón polo seu traballo e sempre tivo moito carácter. Recordo cando nos contaba como a miraban cando chegou a Sanxenxo por poñerse pantalóns”, rememora Díaz. Foi unha adiantada ao seu tempo cunha mente brillante e unha forte personalidade. Aos seus 89 anos unha enfermidade limítalle a expresión verbal e a mobilidade, pero acudirá acompañada dos seus fillos á entrega da Cebola de Ouro. “Seguro que se vai a emocionar. Estamos moi contentos e agradecidos por este recoñecemento”, asegura a súa filla, Adriana Díaz.
0
0
0
s2sdefault