Concello de Sanxenxo - SANXENXO NA HISTORIA REPASA AS PRIMEIRAS ESCOLAS UNITARIAS DE DORRÓN E A FIGURA DE JOSÉ CANCELA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

SANXENXO NA HISTORIA REPASA AS PRIMEIRAS ESCOLAS UNITARIAS DE DORRÓN E A FIGURA DE JOSÉ CANCELA
 
A mesa redonda desta tarde contou cos relatorios da psicóloga e artista, Ana Cancela Muras e a profesora, Carmen Outón Rea
 
As Xornadas de Sanxenxo na Historia repasaron onte as primeiras escolas unitarias de Dorrón e a figura do mestre José Cancela nunha mesa redonda coa psicóloga e artista Ana Cancela e a profesora, Carmen Outón Rea.O vicepresidente de Aelos, Rafael Fontoira, foi o encargado de moderar a charla e o coloquio posterior. A José Cancela, nacido en Mourente en 1894, tocoulle vivir o maior momento de renovación pedagóxica grazas á Institución Libre de Ensino. Como mestre, despois de pasar por Xeve en 1921, chega a Dorrón como mestre nacional en 1923, primeiro como interino e en 1926 coa súa praza en propiedade ata 1936. Na súa chegada a Dorrón en 1923 empeza a vivir nunha casa catalogada polo Marqués de Enseada como casa blasonada e que pertencía a Angela Pérez Radío, que era descendente dos señores de Coto de Aios, en Noalla. “Por causas do destino José herda a casa en 1925 e no 1926 debido ao mal estado da escola nº1, que estaba de alugueiro en Cásaa Fábrica da parroquia, trasládaa á súa casa de Dorrón, en Barreiro. Desta maneira o seu domicilio converteuse en escola desde 1926 a 1937”, explicou Ana Cancela. Nesta etapa puxo en práctica todos os métodos aprendidos da renovación pedagóxica que lle deron “moita fama en Dorrón, a admiración dos seus veciños e o amor dos seus alumnos”. Tiña sobre corenta alumnos de todas as idades. O seu método era tratar de axudar aos nenos para obter un desenvolvemento integral, para lograr un máximo grao nas súas capacidades intelectuais, físicas e espirituais, así como abrir a escola á súa contorna. “Ensináballes a valorar a terra e o amor á natureza que lles rodeaba; ensináballes agricultura, a podar a enxertar e todas aquelas cousas que lle ían a facer falta na súa vida futura. Tamén lle facía practicar ao nenos deporte e ximnasia na era da vivenda”, expuxo Cancela. Dentro do exercicio da docencia tamén a levou aos maiores, dando clases particulares nocturnas para os pais que quixesen aprender a ler. Outra das súas afeccións favoritas era a arqueoloxía e nas excursións ensinaba a distinguir castros, machadas prehistóricas, moedas antigas.... Todo o que atopaban entregábanllo ao Museo de Pontevedra e consta como colección Cancela. “Todo isto termínase en 1936, coa Guerra Civil e a depuración de case todos os mestres. En agosto é suspendido das súas funcións e despois condenado a 7 anos sen emprego e soldo”, sinala Cancela. Pasados eses anos, en 1943, reincorpórase á súa profesión, pero mándano de castigo a Goián e As Neves, moi lonxe da súa casa. Regresa en 1954 para facerse cargo da escola de Raxó na que se xubilará en 1964. Carmen Outón Rea realizou un repaso polas cinco escolas unitarias de Dorrón. Non había escolas como tal senón baixos de casas convertidas en escolas con mesas corridas onde, ao principio, había homes e mulleres”, explicou. A separación por sexos non serealiza ata 1950. Os lugares onde houbo as primeiras unitarias de Dorrón foron A Granxa, Barreiro e Recarei.
0
0
0
s2sdefault