Concello de Sanxenxo - A FEIRA DA CEBOLA ENCHERÁ A CONTORNA DA PRAZA DOS BARCOS CON 44 POSTOS NA SÚA CUADRAXÉSIMA PRIMEIRA EDICIÓN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A cerimonia de entrega das Cebolas de Ouro coas que se distinguirán a Fernando Abilleira e Adriana Nieva será ás 12 horas
 
Sanxenxo contará con 44 postos na contorna da Praza dos Barcos para a celebración da XLI Feira da Cebola que terá lugar mañá luns, coincidindo coa celebración de Santa Rosalía. A xornada dará comezo con pasarrúas e alboradas a cargo da Asociación Cultural Abiñadoira e a Banda de Música de Sanxenxo. Ás 10 horas, procederase á apertura de casetas e a venda das hortalizas. Este ano como novidade haberá un posto de pan de cebola e un taller infantil impartido por unha ‘ceboleira’ no que os máis pequenos poderán aprender a realizar composicións artísticas e ristras con cebola.
No mesmo recinto, ás 12 horas, dará comezo a cerimonia das Cebolas de Ouro 2023, galardón co que nesta edición distinguirase ao enxeñeiro da Nasa con vínculos familiares en Sanxenxo, Fernando Abilleira, e a médica Adriana Nieva que exerceu a súa profesión no municipio. Durante a cerimonia tamén se dará a coñecer o fallo do xurado formado por dous enxeñeiros agrónomos, un técnico de Urbanismo, un membro de Entretendas e outro do CETS que repartirán 1.400 euros en premios para as cebolas máis grandes, as composicións artísticas máis orixinais e as ristras máis longas.
Na vertente relixiosa do programa, ás 19 horas, oficiarase misa cantada polo coro parroquial San Xinés de Padriñán, no templo novo. Ás 21 horas a banda de música de Sanxenxo dará un concerto na Praza dous Barcos. Pola súa banda, o broche de ouro dos festexos será a tirada de fogos de artificio que poderán ser vistos desde o Paseo de Silgar. A tirada dos fogos realizarase a partir das doce da medianoite. As actividades continuarán mañá, co pasacalles e alboradas a cargo de Vos Gatiños de Portonovo e a banda de música de Sanxenxo. Así mesmo, ás doce do mediodía haberá bombas de palenque en honra á virxe do Carmen. A misa terá lugar ás 19 horas, tamén no templo novo, coa intervención do coro parroquial San Xinés de Padriñán. A continuación, a procesión marítima. Xa pola noite, ás 21:30 horas, haberá un concerto da Banda de Música de Sanxenxo, na Praza de Pascual Veiga. Na Praza do Mar, a partir das 22:30 horas, poderase gozar das orquestras Olympus e Marbella.
0
0
0
s2sdefault