Concello de Sanxenxo - O CAMPO DE BALTAR DE ARRIBA ACOLLE ESTA FIN DE SEMANA O I TORNEO FÚTBOL BASE SANXENXO CUP
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Club Academia Tecnificación Fútbol Salnés organiza en colaboración co Concello de Sanxenxo a cita deportiva
 
Preto de 200 nenos da categoría prebenxamín e benxamín dun total de 16 clubs de toda Galicia participarán esta fin de semana no I Torneo Fútbol Base Sanxenxo Cup que se celebrará no Campo de Baltar de Arriba. O concelleiro de Deportes, Xuventude e Voluntariado, Marcos Guisasola, e o portavoz do Club Academia Tecnificación Fútbol Salnés, Bruno Baya, xunto ás árbitras da Real Federación Española, Iria Rosendo e Iris Romero, presentaron a proba nas instalacións deportivas de Portonovo onde se disputará a cita. “Somos un grupo de pais e nais que nos xuntamos para organizar este torneo porque cremos que é algo diferente que non hai nestes momentos pola zona”, asegurou Baya. Unha aposta que se estende tamén ao lugar elixido. “Sanxenxo é o mellor escenario que podemos ter para facer a estrea deste torneo polas instalacións e polo lugar”, dixo Baya. Durante a mañá e a tarde do sábado e domingo disputarase o torneo de ambas as categorías con tres fases: Ouro, Prata e Bronce. Todos os participantes levarán unha medalla. Pola súa banda, a asistente Iria Rosendo agradeceu onte “que se nos elixira como imaxe do torneo porque non se conta habitualmente cos árbitros. Estamos moi contentas”.
Guisasola asegurou que o Concello “sempre vai apostar por probas deportivas que fomenten o exercicio físico e atraian persoas, neste caso, familias ao municipio para gozar da proba”. O edil agradeceu á organización que escollesen o municipio para este primeiro torneo e desexoulle unha longa traxectoria ao torneo.
 
0
0
0
s2sdefault