Concello de Sanxenxo - O CONCELLO RECIBE TRES OFERTAS PARA A REFORMA DO AUDITORIO EMILIA PARDO BAZÁN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Tres empresas optan a executar a rehabilitación do Auditorio Emilia Pardo Bazán. O Concello recibiu as ofertas de Construcións Castro Figueiro, Oreco Balgón e a UTE Centro das Artes Emilia Pardo Bazán formada por Construcións Ramírez e Obras e Servizos Gómez Crespo. Os técnicos municipais atópanse agora valorando as ofertas segundo os criterios técnicos e económicos do prego. O Concello sacou a licitación a obra por case 1,8 millóns de euros e un prazo de execución de seis meses. A actuación conta cunha subvención de 1.479.000 euros procedente do programa de axudas para rehabilitación de patrimonio público que forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Este auditorio foi construído en 2002 e, nestes momentos, presenta importantes deficiencias enerxéticas tanto lumínicas como térmicas e limitacións de accesibilidade.
No novo proxecto contémplase melloras de iluminación, remodelación do patio de butacas, renovación da climatización do espazo, a substitución completa da cuberta, así como melloras tecnolóxicas que axuden a convertelo nun edificio eficiente. O Pazo Emilia Pardo Bazán é o equipamento público con máis departamentos relacionados coa cultura e educación do municipio. Alberga a Biblioteca, a Escola de Música Municipal, a Banda de Música Municipal, o Centro de Arte, a área de Animación Sociocultural, Educación de Adultos e o departamento de Orientación Laboral. Ademais do salón de actos, o edificio conta con catro salas polivalentes para o desenvolvemento de distintas actividades e un local de ensaio para a Asociación Cultural Abiñadoira. O obxectivo da reforma é conservar a esencia do edificio cunha revisión en profundidade da cara exterior da fachada, así como a das terrazas e os patios exteriores e o seu mantemento. Prevese a instalación de elementos de illamento acústico nas zonas da biblioteca, as salas de ensaio e a sala de música, cunha ampliación da funcionalidade destes espazos. 
Ademais, exponse unha mellora de accesibilidade desde o centro urbano con estacións de recarga de coche eléctrico e aparcamentos para bicicletas e patinetes.
 
0
0
0
s2sdefault