Concello de Sanxenxo - UNHA ÚNICA EMPRESA OPTA A EXECUTAR A REFORMA E MELLORA DO PAVILLÓN DE VILALONGA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Presentáronse dúas ofertas, pero unha delas fóra de prazo
 
Unha única empresa, Construcións Castro Figueiro S.L.U., opta a executar a reforma e mellora do pavillón de Vilalonga. Ao Concello chegaron dúas ofertas, pero unha delas descartouse por chegar fóra de prazo. A obra saíu a licitación por máis de 249.000 euros e un período de execución de seis meses. A actuación acometerase a través dun convenio asinado coa Xunta de Galicia a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Este pavillón está a ser utilizado polo IES de Vilalonga para realizar as clases de Educación Física e tamén polo Club Sanxenxo de Balonmán para os seus adestramentos, así como polo club de fútbol sala Asociación Xuvenil Saraiba do Mar mentres non está operativo o pavillón de Baltar. O proxecto contempla un saneamento do muro exterior para evitar as filtracións de auga ao interior das instalacións, así como a impermeabilización dos voladizos e da cuberta. Tamén se inclúe a reparación dos falsos teitos nos baños do ximnasio e habilitarase un vestiario para árbitros. A actuación inclúe o pintado da totalidade das estruturas metálicas como cerchas, varandas e soportes ante a aparición de mostras evidentes de oxidación. Substituiranse a totalidade das portas de vestiarios e acceso a baños de vestiario por portas de aluminio cunha maior resistencia ao desgaste e á humidade que as actuais.
En determinadas zonas da instalación deportiva desprendéronse os revestimentos verticais principalmente de gresite na planta alta. Na zona de xogo, o núcleo de escaleiras e o ximnasio realizarase o pintado, previo decapado da pintura desconchada e en mal estado. Para mellorar a seguridade na bancada cambiarase a disposición das pezas horizontais a verticais e adecuaranse os banzos de acceso. Tamén se cambiará pavimento deportivo en mal estado e substituirase por un novo pavimento de PVC de 6,7 mm de espesor. Á súa vez inclúese este pavimento no núcleo de escaleiras e o ximnasio, situado baixo a bancada. Na actualidade, o ximnasio carece dunha ventilación adecuada polo que se proxecta a instalación dun sistema de ventilación forzada que asegure unha renovación do aire óptima. Seguiranse as recomendacións de operación e mantemento dos sistemas de climatización e ventilación de edificios e locais para a prevención da propagación do coronavirus do Ministerio de Sanidade.
 
0
0
0
s2sdefault