Concello de Sanxenxo - O CONCELLO ABRE MAÑÁ O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA AS ESCOLAS MUNICIPAIS QUE COMEZARÁN O 16 DE OUTUBRO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Un total de 13 disciplinas deportivas impartiranse en Sanxenxo a través das escolas deportivas do municipio desde Infantil e ata a ESO

O Concello de Sanxenxo abre mañá o prazo de inscrición para as escolas municipais que darán comezo a partir do 16 de outubro. Un ano máis, a Ludoteca será unha das actividades deste curso escolar. Trátase dunha proposta lúdico-educativa a través de contacontos, teatro, talleres ou xogos cooperativos. Pasará polos distintos centros educativos ao longo da semana. Está destinada ao alumnado de Educación infantil e de 1º a 4º de Educación Primaria. A cota mensual é de 8 euros.

O Centro de Arte municipal tamén terá o seu espazo dentro da programación. É unha actividade pensada para o alumnado a partir de 2º de Educación Primaria e ESO que se desenvolverá no Pazo de Emilia Pardo Bazán, os luns e mércores. A cota mensual é de 9 euros e o aforamento por clase é de dez alumnos. A adxudicación e elección de horario realizarase por orde de inscrición. Para os adultos, o Centro de Arte tamén se abre o 16 de outubro con dúas clases semanais. A taxa mensual é de 28 euros.

Unha das novidades deste ano é que se adianta o curso de Técnicas de Estudo que normalmente daban comezo en marzo. Os destinatarios desta actividade dunha hora de duración é o alumnado de 5º e 6º de Primaria e a ESO. Traballarase a motivación, a autoestima, a organización, planificación, lectura, relaxación... A taxa de inscrición é de 20 euros.

As cotas mensuais terán un desconto do 50% no caso de familias numerosas, quedarán exentas de pago as familias numerosas especiais, e as familias con dous irmáns terán un desconto dun 25% en cada mensualidade.

Doutra banda, ábrese un novo prazo para a escola de música municipal para solicitar praza tanto para nenos como para adultos. No caso de adultos, poderán matricularse en Linguaxe Musical, Guitarra e Piano. Un abanico que se amplía para os alumnos desde Infantil ata a ESO con ata 15 instrumentos diferentes: Óboe, frauta, fagot, clarinete, saxofón, trompa, trompeta, trombón, tuba, bombardino, violoncello, contrabaixo, guitarra, piano e percusión.

Escolas deportivas
Un total de 13 disciplinas deportivas impartiranse en Sanxenxo este curso escolar a través das escolas deportivas do municipio desde Infantil e ata a ESO. Balonmán, fútbol sala, baloncesto, boxeo, billarda, paddle surf, piragüismo, salvamento, surf, surfskate, taekwondo, tenis e voleibol. Os prezos oscilan entre os 10 e 60 euros mensuais, dependendo da actividade e deberá realizarse directamente no club correspondente. En total, hai 521 prazas dispoñibles. Sanxenxo dispón dunha ampla oferta deportiva coa que se pretende fomentar o deporte desde idades temperás como un hábito de vida saudable. O Concello colabora cos clubs coa cesión de instalacións e axudas de material. Para máis información pódese acudir á Casa Mariñeira de Don Fernando ou chamando ao teléfono 986 72 42 97.

 

 

MÁIS INFORMACIÓN:

ESCOLAS MUNICIPAIS BOLETÍN INFORMATIVO

ESCOLAS MUNICIPAIS PARA ADULTOS

ESCOLAS DEPORTIVAS

0
0
0
s2sdefault