Concello de Sanxenxo - O GOBERNO LEVARÁ A PLENO A SUSPENSIÓN DE LICENZAS URBANÍSTICAS NO CASCO ANTIGO DE FUENSANTA RODRÍGUEZ
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O obxectivo é mellorar a protección das edificacións e elementos do patrimonio cultural deste espazo central do núcleo urbano
 
O goberno levará ao próximo Pleno ordinario do día 25 a suspensión de licenzas urbanísticas no casco antigo de Sanxenxo para reordenar o ámbito comprendido entre as rúas Fuensanta Rodríguez, Fonte de Ramos, Artesáns e Carlos Casas. O obxectivo é mellorar a protección das edificacións e elementos do patrimonio cultural e a contorna visual deste espazo central do núcleo urbano. Para iso iníciase unha etapa de diagnóstico e estudo para a posterior elaboración e aprobación dun novo instrumento de plan urbanístico. O primeiro paso é acordar a suspensión de licenzas para evitar situacións de incompatibilidades co novo documento por un prazo dun ano. O asunto foi abordado na Comisión de Urbanismo cos votos favorables do PSOE e o BNG.
A decisión enmárcase dentro da actualización e mellora continua dos espazos urbanos do municipio. Cabe lembrar que xa en 2017, coincidindo co regreso do PP á Alcaldía tomouse a decisión de suspender as licenzas nos chans urbanizables para mellorar a ordenación destes ámbitos, reducir o número de vivendas, aumentar as zonas verdes e os espazos públicos en xeral. Froito desta suspensión impulsáronse varias modificacións puntuais e chegouse a acordo cos propietarios de chans dando lugar á firma de convenios baixo as premisas de mellora de ordenación urbanística e paisaxística e respondendo a parámetros de sustentabilidade e adaptación á contorna. Unha proba desta medida foi a firma o verán pasado do Concello de Sanxenxo e Serviland, a entidade de xestión urbanística da Sareb, para promover unha modificación puntual do PXOM en tres chans urbanizables en Monte Faro, Alto de Miraflores e Altamira-Vilalonga. O acordo implica a cesión de 1,3 millóns de metros cadrados para espazos públicos, o que representa un 3 % da superficie do municipio e 350 vivendas menos das contempladas na actualidade. O goberno ten intención de continuar con estas revisións no centro urbano de Vilalonga e a entrada a Sanxenxo. Ademais, puxo en marcha a corrección de aliñacións nas estradas autonómicas PO-504 e PO-308.
0
0
0
s2sdefault