Concello de Sanxenxo - O CONCELLO RENOVARÁ OU DOTARÁ DE PASARELAS AS PRAIAS DE AGRA, AREAS, SILGAR, CANELAS E MONTALVO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O obxectivo é mellorar a accesibilidade e protexer os espazos dunares
 
Dentro da liña de mellora continua dos areais, a Concellería de Turismo conta cun novo proxecto para renovación e dotación de pasarelas nas praias de Agra, Areas, Silgar, Canelas e Montalvo. O documento xa foi enviado a Costas para a súa supervisión e, unha vez recibido o visto bo, presentarase a unha das liñas de subvención do GALP. O obxectivo da actuación é mellorar a accesibilidade ás praias e protexer os espazos dunares existentes. O proxecto total ascende a un total de 242.400 euros. Na praia de Montalvo, proxéctase unha pasarela peonil na entrada principal da praia coincidente coa actual, pero cunha elevación de 50 centímetros para protexer o cordón dunar. Prevese a colocación de elementos de protección lateral en determinados puntos do trazado. Na praia de Canelas, exponse a demolición do sistema de recollida e canalización de pluviais que impacta sobre a duna da praia. Exponse unha pasarela, protexida do tráfico rodado pola súa elevación de 50 centímetros. En Silgar, proponse unha nova pasarela practicable de idénticas características ás xa existentes na praia. Para iso é preciso desmontar unha parte da balaustrada de granito para proceder á montaxe da pasarela con piares, vigas, pontones e establecido de plástico. En Areas, a intervención máis custosa, debido a que se trata da maior superficie a renovar, 343 metros cadrados, prevese dar continuidade á senda peonil existente na contorna natural con idénticas condicións de seguridade e accesibilidade, pero reducindo o impacto ambiental do itinerario peonil na duna existente. En Area de Agra proxéctase a dotación dun acceso practicable para persoas con mobilidade reducida. Na actualidade a entrada á praia realízase por unha pendente que presenta problemas de accesibilidade, especialmente na desembocadura da praia.
0
0
0
s2sdefault